Tesouros da Fundación: Cámara escura fotográfica

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despóis da inauguración do Colexio- Instituto no 1886. Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Cámara escura fotográfica

Tesouros da Fundación - Cámara escura fotográfica
  • Fabricante: John Henry Dallmeyer (1830 - 1883).
  • Distribuidores en España: Mahou e Salvi (Madrid).
  • Cronoloxía: 1890 - 1891.
  • Clasificación: Obxectos educativos ou Instrumentos científicos / Sección: Óptica.
Descrición e funcionamento Cámara escura fotográfica de fol. Está formada por dous bastidores de madeira unidos por un fol de cartón plegado; a parte anterior vai pechada hermeticamente por unha tapa de madeira na que van montados obxectivos e diafragma; a posterior leva unhas regañas para soster o chasis, rematando nun vidro deslustrado. O conxunto está fixo nun soporte sustentado nun trípode lixeiro. Os chasis son unhas caixiñas hermeticamente pechadas nas que se transportan as placas e películas preparadas no laboratorio, ás escuras, resgardándoas da acción da luz. A fotografía comprende o conxunto de métodos e procedementos para fixar as imaxes dos obxectos pola acción da luz sobre diferentes sustancias sensibles a esta acción. Foi descuberta en Francia en 1839, ano no que Aragó presentou na Academia Francesa os resultados dos traballos comúns de Niepce e Daguerre. As cámaras escuras como a descrita, foron os dispositivos utilizados na fotografía a finais do século XIX e principios do XX. Para enfocar cubríase o bastidor cun pano negro e estirábase o fuelle máis ou menos, ata que o vidro deslustrado se situaba no plano focal do obxectivo que correspondía ó máximo de nitidez. Co obxectivo pechado colocábase na cámara o chasis, que contiña a capa sensible, e erguíase a tapa déste, para logo abrir o obxectivo e deixar pasar a luz un certo tempo. A determinación do tempo exacto de exposición era un dos maiores problemas. As placas impresionábanse ó abrir o obxectivo. As placas fotográficas preparábanse, xeralmente, cun precipitado de bromuro de prata en suspensión sobre unha disolución xelatinosa. O fabricante
John Henry Dallmeyer (1830-1833)
John Henry Dallmeyer naceu en Alemania, e dende moi novo traballa como aprendiz nunha óptica de Osnabrück. Con 21 anos emigra a Inglaterra e traballa na empresa óptica de Andrew Ross, a cal tiña moita fama, a nivel europeo, na fabricación de microscopios. Casa cunha filla de Ross e entra a forma parte do grupo familiar, creando unha nova fábrica adicada ós obxectivos para cámaras fotográficas. A partires deste momento, ópticas e obxectivos serán sempre a prioridade da casa Dallmeyer. Óptico excelente, constrúe, entre outras cousas, sistemas para observatorios astronómicos que lle valen numerosos premios, entre eles a Orde de San Estanislao do goberno ruso, ou a Lexión de Honra do goberno francés. Morre en 1883, á idade de 53 anos, quedando a empresa en mans do seu fillo maior, Thomas Rudolph Dallmeyer, o cal xa era un reputado enxeñeiro que estudiara óptica no Kings College de Londres.
  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
Etiquetas