Unha cidade que nunca deixa de sorprender
Din por aí que Nova Iorque é a cidade que nunca dorme. Pois ben, Londres é a cidade que nunca deixa de sorprender. Nos dous anos que levo aquí, non lembro un só día no que non me acontecera algo relevante: unha anécdota, unha visita, unha nova experiencia... Isto fai que a “teoría da relatividade” acade a súa máxima expresión. Dito doutro xeito, se ben o tempo transcorre á velocidade da luz, asemade, semella imposible que nun período relativamente curto sucedan tantas cousas. zstrong>Parece que foi onte cando estaba en Vimianzo facendo a maleta, pero..., como raios é posible que en tan só dous anos me pasaran tantas cousas!!
En fin, reflexións filosóficas á marxe, isto vén a conto porque fai uns días recibín unha carta do goberno británico. Aquí, o ano fiscal comeza o 1 de abril do ano en curso e remata o 31 de marzo do seguinte. Pois ben, a devandita carta era para informarme da miña contribución ao sistema no período 2013 – 2014. Quedei sorprendida non só coa carta en si, senón tamén co detallado do seu contido e, sobre todo, coa relevancia do alí exposto.
Agora sei, libra a libra e penique a penique a onde foron parar os impostos que paguei durante eses doce meses, e síntome orgullosa de poder dicir que a meirande parte deles foron destinados, seguindo este orde, ás seguintes áreas:
- Estado do benestar.
- Saúde.
- Educación.
- Pensións.
Isto lévame a pensar (podedes chamarme ilusa) que, se cadra, o segredo da súa maior resistencia ante a crise, e dos seus mellores datos macro e microeconómicos non é froito da casualidade, senón dun maior investimento en educación e no benestar da cidadanía, sen obviar, por suposto, que a defensa a ultranza da súa moeda e da súa industria moito ten que ver.
Ocórreseme tamén que, tal vez, a emigración poda traer algo positivo. Por que non soñar con voltar a España e aproveitar a ocasión para importar os bos hábitos dos ingleses? Unido á beleza das nosas paisaxes, á calidade da nosa gastronomía e ao noso estilo de vida, o noso país non tardaría en situarse na vangarda das nacións europeas. Alguén se apunta ao desafío?
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
- O mercado das telecomunicacións en Inglaterra.
- Irene somos todos.
- Londres: a cidade onde todo o mundo é forasteiro.
- The Christmas’ Spirit.
- Desmiuzando o ‘National Health System’.
- España vs. Inglaterra: Dous universos paralelos.
- The new ‘Spanish Army’.
- Cómo buscar traballo en Londres.
- O reto de atopar vivenda en Londres.
- Welcome to London.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).