Unha de votacións
Permítanme que diga que o que máis me gusta de cando hai eleccións non é precisamente esa coñecida frase da que botan man case todos os políticos que se presentan é que dí que “a xornada foi unha festa da democracia porque non houbo incidentes e todo se desenvolveu dentro dos cauces da libertade e da tolerancia”.
Non sei se será por gracia ou desgracia pero hoxendía as xornadas de votacións son moitísimo máis lights, e descafeinadas que as daqueles primeiros tempos nos que, cando ías a votar, o colexio electoral semellaba a Cova de Zaratustra, e os interventores dos partidos algo así como “sabuesos” palleiros que non deixaban de mirar para o sobre de cada votante, como se tiveran radares nas orellas e máis nos ollos diminutos aparatos de raios X cos que desvelar se a papeleta que metías na furna constituia un voto para o seu partido ou pola contra, para a oposición.
Debe ser tamén que xa levamos unha boa chea de anos sendo demócratas e agora que xa estamos afeitos a estes mintireiros días de sufraxio xa non hai bombas de palenque nin tracas retumbando, tralos resultados, nas portas dos candidatos perdedores, cal se unha competición futbolística se tratara.
Afortunadamente xa non pasan esas cousas, sobre todo porque a meirande parte da xente xa vén un pouco de volta e xa está máis que cansa da clase política e de tanta promesa.
Pero, que non haxa incidentes? Por favor, se esa é a salsa da democracia!!!
Que sería dunhas eleccións sen mesas nas que votan mortos ou rapaciños da teta? A onde iría a parar a liberdade se nos colexios electorais non aparece unha velliña que quere votar a Matías Prats, ou un tolo disfrazado de Lady Gaga ao lado dunhas monxiñas de clausura que saen do convento cada catro anos para exercer o seu dereito democrático?
Por favor! Que sería dunhas votacións se non aparecera nunha enganadora urna, por exemplo, unha foto de Cristiano Ronaldo ou de Messi? Por certo que debe ser tal a afección que temos en Fisterra polo fútbol que nunha mesa electoral habilitada nas oficinas do concello apareceu un voto ca fotografía dun histórico futbolista da Costa da Morte como é o ariete Manín quen, aínda que non se presentara as eleccións, foi votado por algún siareiro fisterrán. O que si xa non sei é se a foto elexida foi rematando un córner dun testarazo contra a portería do Cee ou portando ao Santo Sepulcro vestido de penitente na Semana Santa. Se o chego a saber tamén o voto eu, e poño unha foto que teño del cando xogaba no Noia, porque estou seguro de que se saíra elexido íao facer millor que máis de catro.
Noutra das mesas electorais, na nº 3 do Colexio Mar de Fóra, apareceu un voto para o PP que contiña nada máis e nada menos que un billete de 50 euros. Iso que estamos en crise!!O que xa non se sabe é se os 50 euros eran para “la niña de Rajoy”, “para comprar los chuches”ou para axudar a banca española que como é moi probe boa falta lle fai. O conto é que os 50 euros foron enviados xunto coa demais documentación á xunta electoral. Seguro que a de haber algún que os cambie de sitio e os meta no bolso.
Non sei se foi nesta mesma mesa ou non, na que un home foi a votar pola mañá e voltou pola tarde porque dixo que se esquecera de marcar os cuadriños na papeleta para o senado, cousa que por outra parte a mín me parece moi lóxica e natural porque se o homiño se esqueceu, porque non ía a facelo?
En fin que en Fisterra, como non diría un político, as últimas electorais non tiveron nada de festeiras, pero afortunadamente rexistrou algún que outro incidente que polo menos fíxomos rir un pouco a todos, e tamén esquecernos desas diferencias que temos os uns cos outros cando vamos votar e que para miña idea non son tan abismais como moitos se pensan.
- Roberto Traba Velay.
A novela de Roberto Traba Velay por capítulos
- Capítulo 1: Liberdade ou morte! Aventuras dun valente fisterrán e unha estanqueira corcubionesa.
- Capítulo 2: Liberdade ou Morte (II).
- Capítulo 3: Liberdade ou Morte (III).
Máis artigos de Roberto Traba Velay Con acento fistirrán
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).