Unidade

O día ven para que un servidor fale de moitas cousas. Que si constitución, que si tubos (non, a antiga discoteca de Muros non, a fábrica), que si imaxinación desaforada de multi-imputados. Mogollón de temas, que se diría.

Pero, coa venia dos presentes, non me apetece nadiña. Recentemente veñen de criticarme (dende o cariño, ollo) que ás veces me poño demasiado técnico e, como era…, “politólogo”. E nin é a miña intención nin creo que estea cualificado para tal cousa. Isto, a fin e o cabo, non son mais que uns breves apuntamentos e, aínda que me pareza interesante explicar determinadas cousas, mais que nada para que ninguén poda dicir “eu non o sabía” i escusarse na ignorancia, este espazo non ten pretensión pedagóxica algunha.

Hoxe, polo tanto, vanme permitir un par de recomendacións puramente espirituais e destinadas a que todos soemos, digamos, nunha mesma onda. Porque ás veces me da impresión de que somos moito máis que seres individuais e únicos e pasamos a un plano do espacio-tempo diferente demasiado a miúdo.

“I dream a dreamed” é unha peza dun musical, “Les Miserables” (esta a caer a película). Unha fermosa peza, autoría de Alan Boublil na letra e Claude-Michel Schönberg na música, esta baseada nunha obra de Víctor Hugo. Esta peza en concreto narra o drama dunha das protagonistas que, aburrida da miseria e a total desesperanza da sua situación lembra un tempo no que “tivo un soño”. Un que incluía comidas diarias, un lugar seguro e unha vida lonxe da miseria do París do XIX. Di a cantante (en inglés claro) que “tiven un soño da miña vida, tan diferente do inferno que estou vivindo”. E eu me poño a pensar.

Hai cousas que facemos rematadamente mal como comunidade. Para empezar “ser” unha comunidade. Non tomamos unha decisión en común por dúas razón, principalmente. A primeira, que nos corroe a envexa. Envexamos a tranquilidade duns e o balbordo dos outros, o mar duns e a terra dos outros, as altas torres e as beirarrúas duns e o campo aberto e o cheiro a leira e o silencio dos outros. Iso por unha banda.

Por outra, cando algo se debe decidir en común nunca, endexamais, nos poñemos no pelexo do de enfronte. Por que en Cee haberá xente que prefire unha fábrica de tubos na ría a un pantalán e un porto deportivo? Eu prefiro ambos, a poder ser, pero do segundo proxecto teño serias dubidas. Do primeiro tamén, pero a priori, aló menos, parece que hai alguén interesado. E como parado recente dígovos que 20, 30 ou os postos de traballo que sexan me parecen mais interesantes que unha quimera.

Por outra banda, creo que as regras están para cumprirse e considero que si algo conculca algún dos informes ou estudos que se deben realizar será mais que lexitimo impedir que algo contaminante ou tóxico se instale aquí. Para iso son os informes e estudos. Dado que non sei si é boi ou é burra, por agora a miña opinión, simplemente, non existe. Non sei si quero iso porque non sei o que é iso. E pola mesma regra de tres, tampouco sei se non o quero. Sei que non quería unha papeleira coma ENCE porque vivin en Pontevedra e sei o que cheira e o que intoxica. A pesares do goloso de 1000 postos de traballo (ou 500, tanto ten) así de golpe e porrazo.

Non sei. As veces dáme envexa ver os americanos, os do norte, os dos EEUU apoiando causas vomitivas como a de ter matado a Bin Laden de xeito mafioso, terrorista e inxusto. En plan matón. Pero, que queredes, dáme envexa velos. Convencidos, emocionados, dispostos. Unidos.

Si, xa sei que hai cousas que para facer segundo que, mellor quedar na casa. Xa.

Pero, que queredes. Danme envexa. Saben o que queren e como conseguilo. Xuntos.

Estaría ben que, por unha vez, antes de poñer a lingua a pacer, algúns reflexionaran sobre que saben realmente, e que cousas simplemente supoñen, do famoso proxecto. Ou de calquera outra cousa.

En fin. A quen desexe escoitar a peza en cuestión, recomendolle en YouTube a interpretación de Ruthie Henshall. Maxistral. Ata a próxima.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).