Non máis lumes

Asistimos con rabia a ter que debullar imaxes da nosa veciñanza correndo diante do lume.

A sociedade na que temos de todo a golpe de click, o rural (a aldea) que segue a perder servizos día a día, ten que loitar hoxe correndo diante do lume. A Costa da Morte envolta en lapas e veciñas e veciños correndo para salvarse e rezar por non perder as propiedades. Nunca se verán curados duns días de inferno e rabia.

Os que fai tempo entendemos que este chan verde que pisamos estaba tendo un tratamento errado, xa predecimos o que hoxe temos na porta. Non fai falta ser experto. A análise non é complicada cando cambiamos un uso ancestral de miles de anos de aproveitamento sustentable e responsable de xestión veciñal, por un modelo contemporáneo cortopracista onde impera a lei das grandes corporacións papeleiras e enerxéticas. disputa por un solo nas que nalgunhas zonas da costa se une unha presión urbanística enorme hoxe en día. Un sistema que prima o capital duns poucos pola vida das persoas.

Todos e todas claman xustiza e berran de rabia contra uns pirómanos incendiarios que en Corme parecen competir coas liñas de alta tensión que foden a paisaxe e os montes. Para a maioría, os que plantan lume non irían de funda e botas senón de garabata. Interese económico detrás desta devastación maioritariamente provocada. Como dicía Severino, o meu profesor de historia: “ante un acontecemento importante, mirade sempre quen foi beneficiado, porque teredes moita información de quen é o principal responsable”.

Que máis probas necesitamos para saber sobre a nefasta xestión do noso chan. Que máis necesitamos para saber da devastación á que nos leva o monocultivo de especies arbóreas de fora. Cantas mortes ten que haber para comprobar que o eucalipto é gasolina no monte. Que ten que pasar para que paren esta invasión eólica que convirte ás empresas enerxéticas en donos do noso monte e este en polígonos industriais. E todo o territorio en estradas para as liñas de alta tensión. Temos 4000 viraventos en Galicia, non chegan?. Cantos con responsabilidade reflexionaron sobre se en realidade fai falta máis e máis produción enerxética a gran escala e non o decrecemento enerxético e produción cerca aos lugares de consumo. Atreveranse a colocar viraventos nos lugares queimados.

Vivir na aldea e da aldea é hoxe case que un acto reivindicativo e de resistencia. Vivir da horta e da auga que nos dan os mananciais. “dez galiñas, tres ovellas e unha vaca”. Dentro dos corazóns das persoas afectadas hai amor por este horizonte que nos tocou vivir. Hai moitos que coma min desexarían ser veciñas e veciños de Xaviña, Muxía ou Corme. Non para ver en perigo a casiña da avóa, senón para contaxiarnos da resistencia, do corazón e da rabia que poderá co lume e a mafia.
Porque mañá, volverá saír o sol.