A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis

Este pasado domingo diversas entidades da memoria histórica organizaron máis unha vez actos para lembrar o «Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto». Esta data foi escollida porque o día 27 de xaneiro de 1945 as tropas soviéticas liberaron o campo de concentración de Auschwitz. E aínda que o termo «holocausto» adoita relacionarse co xenocidio xudeu, hai que lembrar que tamén foron vítimas moitas persoas progresistas, comunistas, homosexuais, ciganos, testemuñas de Xehová, cidadáns polacos e soviéticos... que morreron asasinados a mans dos seus vitimarios nazis.

Na nosa Terra a ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica) fixo público o texto dunha solicitude que presentaron nas cámaras municipais das principais cidades galegas para realizar unha homenaxe ás 179 vítimas de Galicia, das que segundo os seus arquivos 8 eran da provincia de A Coruña, 33 de Lugo, 34 de Ourense e 34 de Pontevedra, e para lembrar «a cada unha das persoas galegas que foron obrigadas a subiren aos trens da morte, que morreron nos campos de exterminio ou que liberadas nunca puideron regresar ao lugar no que naceron porque a ditadura franquista negoulles o dereito a regresaren ao seu país».

Porén, as cifras da ARMH non coinciden cos datos que figuran no Proxecto Interuniversitario «Nomes e Voces», coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto, en propia definición «un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia», cuxo labor de pescuda foi interrompido en 2013 porque a Xunta de Galicia fixera unha retallada do 90% no seu financiamento. Con todo, a súa completa páxina web segue activa e permite realizar consultas detalladas sobre as vítimas da represión.

Así, na cala que realizamos atopamos un total de 13 persoas da Costa da Morte (incluíndo Muros) das que se documenta a súa presenza en campos de concentración ou de exterminio, das que só catro sobreviviron. Daquela polo menos 9 persoas do noso territorio atoparon a súa morte nos campos e deberían ser lembradas nos seus concellos de orixe.

Velaquí os seus nomes para a nosa memoria colectiva:

1. Albite Miranda, Silvestre

Campo de Exterminio

Home de 28 anos Natural de Dumbría Morto o 9 de novembro de 1941

No exército republicano. Foxe a Francia. Preso en Trier. Deportado a Mauthausen en abril do 1941, onde morre.

2. Becerra Triñanez, José

Campo de Exterminio

Home de 26 anos Natural de Vimianzo Morto o 19 de novembro de 1941

Preso en Fallingbostel. Deportado a Mauthausen en novembro do 1940. Trasladado a Gusen en febreiro do 1941, onde morre.

3. Caamaño Novo, Isolino

Campo de Exterminio

Home de 31 anos Natural de Dumbría

Preso en Compiègne en abril do 1944. Deportado a Mauthausen en abril do 1944.Trasladado a Melk, Ebensee, e liberado alí en maio do 1945. Sobrevivinte

4. Fariña Chouciño, Antonio

Campo de Exterminio

Home de 35 anos Natural de Malpica de Bergantiños Veciñanza: Malpica de Bergantiños Morto o 06 de maio de 1941

Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de declaración en rebeldía. Fuxido. En agoso do 1939, está no campo de Argeles en Francia. Logo a Angouleme. Será deportado a Mauthausen en agosto do 1940 e logo Gusen onde morre.

5. Fidalgo Antelo, Daniel

Campo de Exterminio

Home de 28 anos Natural de Mazaricos Morto o 03 de febreiro de 1942

Preso en Fallingbostel. Deportado a Mauthausen en xaneiro de 1941, procedente de Francia. Trasladado a Gusen en xuño do 1941, onde morre.

6. Guzmán Fernández, Rufino

Campo de Exterminio

Home de 20 anos Natural de Zas

Preso en Fallingbostel. Deportado a Mauthausen en xaneiro de 1941. Trasladado a Gusen-Mauthausen e liberado en maio do 1945

7. Lamela Marcote, Ramón

Campo de Exterminio

Home de 36 anos Natural de Fisterra Veciñanza: Fisterra Morto o 04 de febreiro de 1942

Fuxe e loita co exército republicano. Inernado en Argelés sur Mer durante 1939. Loita contra os nazis e preso en Krems-Gneixendorf. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Trasladado a Gusen en abril do 41, onde morre.

8. Piñeiro Agulleiro, Manuel

Campo de Exterminio

Home de 36 anos, Garda de asalto Natural de Dumbría Veciñanza: Madrid Morto o 16 de febreiro de 1942

Destinado a Valencia e Barcelona durante a Guerra. Foxe a Francia. Preso en Ludwigsburg. Deportado a Mauthausen en xuño do 1941, onde morre.

9. Ramos González, Valentín

Campo de Exterminio

Home de 42 anos Natural de Zas Veciñanza: Madrid Batallón UHP 5º Rexemento de Milicias Populares Morto o 09 de setembro de 1941

Exilio en Francia. Preso en Trier. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Morre en Hartheim.

10. Rodríguez Louro, Manuel

Campo de Exterminio

Home de 21 anos, Mariñeiro Natural de Dumbría Veciñanza: Ézaro Morto o 16 de setembro de 1941

Agochado no Monte Pindo. Fuxido no vapor As, de Inglaterra pasa á zona republicana e loita no exército republicano. Refuxiado en Argeles-Francia. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Trasladado a Gusen en febreiro. Morre en Hartheim.

11. Rodríguez Villar, Luis "Luis da rogita"

Campo de Exterminio

Home de 30 anos Natural de Malpica de Bergantiños Veciñanza: Malpica de Bergantiños

Foxe a Francia, campo de Argeles, Trier. Deportado a Mauthausen 01/41. Liberado 05/45. Sobrevivinte. Queda no exilio en Francia. Regresa a Malpica en 1978. Causa aberta en Ferrol por rebelión militar (fuga do San Adrián) fuxido e en rebeldía.

12. Romaní Abeijón, Eduardo

Campo de Exterminio

Home de 26 anos Natural de Muros Morto o 08 de xullo de 1941

Fuxido e loita no exército republicano. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941, trasladado a Gusen en febreiro onde morre.

13. Suárez Blanco, Antonio "Coruña"

Campo de Exterminio

Home de 30 anos, Mariñeiro Natural de Malpica de Bergantiños Veciñanza: Malpica de Bergantiños CNT, Sindicato de Obreros y Profesiones Varias de Malpica

Fuxe a Francia na motora Ciudad de Montevideo. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Trasladado a Gusen en abril do 1941. Liberado en maio do 1945. Sobrevivinte. Presentouse en 1948 no consulado de N. York. Alcanzoulle o indulto do 1945.

[Fotografía de Manuel Rodríguez Louro. Fonte: Proxecto Interuniversitario «Nomes e Voces»]

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Máis artigos de Miro Villar en QPC

https://quepasanacosta.gal/a-trinta-anos-do-album-de-ramon-caamano/