PLI
26 de novembro de 2010 (13:49 h.)
Andabamos na taberna algo intranquilos estes días co asunto económico porque lle oímos dicir a un operador bursátil que “en condicións normais o spread da débeda a longo prazo é máis amplo que a curto porque o risco a un hipotético impago é maior e cando isto acontece, o mercado anticipa que o risco de default está máis próximo no tempo”. Pero ben é certo que logo acougamos, xa que José Manuel Campa, secretario de Estado de Economía afirmou que “a curto prazo haberá moitas turbulencias e moita volatilidade pero a evolución da economía española manterá as perspectivas previstas”. Ai, que tan tranquiliños quedamos!
É mágoa que Google non ofreza un tradutor on-line de perversións lingüísticas intencionadas, algo así como o Google Demagogic Trad. Hei falar cos amigos de Galinus para ofrecerlles a patente antes que ao xigante americano. A súa sintaxe e funcionamento sería sinxela. O interesado introduce unha PLI (perversión lingüística intencionada) e cun só clic aparece a versión decodificada. No exemplo do parágrafo anterior a alocución do operador bursátil traduciríase por “imos de cu” e a réplica de José M. Campos: “si, pero hai que disimular”.
A base de datos do tradutor ha de ser extensa xa que a paxarería necrófaga da política internacional cuspe miles de PLIs a diario. Non debemos esquecer que o campo demagóxico é o seu hábitat natural. A modo de exemplo, podemos probar a versión beta deste tradutor universal:
-Danos colaterais: Nós facemos o noso traballo eliminando toda esa morralla cheirenta de aí e logo marchamos.
-Desaceleración económica transitoria: 1. Estamos fodidos. 2. Non hai un can. 3. Imos de cu. 4. Hai que disimular.
Para ser efectivo, o tradutor de PLIs debería recoller sutilezas e perlas como as recentes declaracións da candidata do PP en Catalunya, Alicia Sánchez-Camacho (que fino queda o guion entre os apelidos) en referencia ao famoso videoxogo de campaña no que se disparaba a inmigrantes sen papeis: “É un simple xogo de ideas no que se plantexan problemas cos que se atopan os cataláns”. É dicir, largo de aquí.
Como poden imaxinar, a lista pode ser interminable, pero non quería rematar ser probar unha última tradución das interesantísimas palabras da nova ministra de Asuntos Exteriores: “Desde un punto de vista xurídico, Marrocos non é potencia ocupante do Sáhara Occidental, senón que exerce de facto o seu control. (...) España non ten ningunha capacidade de acción, nin de potencia administradora, baixo ningún concepto. O Sáhara Occidental é un territorio non autónomo onde non se concluíu o proceso de descolonización”. Ben, xa saben vostedes, un clic e o Sáhara é os saharianos son unha desértica insignificancia pola cal non paga a pena disgustar a Marrocos e poñer en perigo os nosos intereses comúns.
En fin, na primavera veñen unhas eleccións, o momento propicio para a afloración masiva das PLIs. Non esquezan poñer en marcha o seu tradutor.
- Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Novembro 2010.
Ouras historias nómades
- Abur, Bieito.
- Parabéns, meus amigos.
- Memorias dun neno da costa.
- Chiringos.
- Pulp Fusion.
- A mala educación.
- Fauna da bisbarra 1: o homínido a motor.
- Mohamed.
- Unha historia incómoda.
- T.D.T..
- Comunidades de veciños.
- Galicia Lingüe.
- Carta pechada a Teddy Bautista.
- Mundo salvaxe.
- Declaración de intereses nomadistas.