As gatas e Gaza

Pois resulta que hoxe a Xouba tocáballe pasar polo quirófano para esterilización e, como calquera animal que se precie, humano ou non, tiña que estar en xaxún dende onte ás doce da noite.

Esta mañá ao erguerme, non lles puxen de almorzar coma sempre (os gatos levan mal o do cambio de rotinas) e por solidaridade decidín que Frida (a miña outra gata, xa capada hai dous anos) tamén fixera xaxún. Empatía gatuna, pensei 

Fíxenme un zume e un café e senteime a almorzar. Ao mesmo tempo, as dúas, subironse á mesa con ollos de incredulidade e fixéronme saber o seu descoñecemento da razón de por qué esta mañá non almorzaban. Evidentemente non puden explicarllo e fixen un aceno de perdón que tampouco chegaron a comprender. Percorriume por todo o corpo unha sensación de impotencia e tristura.

Poño por diante que evidentemente non estou comparar a dúas gatas con crianzas gazatís (non son dos que tratan aos animais como bebés humanos) pero o primeiro que me ven a cabeza foi a mirada dun neno famélico no medio do xenocidio sionista israelí. Vín claramente a ese neno ou nena, cos ollos desorbitados e enormes mirando a súa nai ou pai, pedindo explicacións pola súa fame...

Sentando na cadeira na cociña, diante do meu zume, o meu café e a miña torrada do primeiro mundo, fixen o exercicio inútil e estúpido de poñerme na pel desa nai gazatí diante dos enormes ollos inocentes desa crianza e a impotencia que debe sentir por non poder levarlle nin un mísero anaco de pan á boca do seu moribundo descendente. E o que é máis grave: a impotencia de nin tan sequera poder explicarlle a razón. 

Non puden, nin quixen imaxinalo.

Os cativos non entenden de bloqueos de alimentos, limpezas étnicas, nin ampliacións territoriais; nin entenden, nin deben. Pero certamente os adultos tampouco entendemos como somos capaces de permitir barbaries como o xenocidio de Gaza e preocuparnos máis por subidas arancelarias en batallas xeopolíticas de egos 

Esta mañá a mirada dunha gata fíxome viaxar mentalmente a territorios palestinos ocupados e lembrarme do afortunados que somos preocupándonos por un apagón dunhas poucas horas sen ter que esquivar proxectís nin arroupar a un cativo famento e moribundo 

 

Somos fráxiles como especie de nós.

 

Suso Bahamonde. 

Maio 2025