Antonio Fdez. volve gañar o concurso "A Laracha no obxectivo"
A IV edición do concurso fotográfico A Laracha no obxectivo xa ten gañadores, que se repartirán un total de 1.500 euros en premios. Tras valorar as 45 instantáneas presentadas á modalidade “Xeral” do certame, acordaron outorgar os seguintes galardóns:
1º premio, dotado con 600 euros: Lúa decrecente polo santuario, de Antonio Fernández Martínez.
A imaxe capta a lúa decrecente aliñada co campanario do santuario dos Milagres, coa silueta dun corvo —ou quizais un melro— pousado sobre o pararraios, testemuña fortuíta dunha escena meticulosamente planificada.
Dáse a circunstancia de que Antonio Fernández xa obtivera o primeiro premio deste certame nos anos 2021 e 2022. E ademais onte presentou en Caión o libro Costa da Morte: naturalmente única do que é coautor xunto a Xan Fernández, coas súas fotos, e que foi editado pola asociación APTCM.
2º premio, dotado con 400 euros: Memoria de piedra, de Jonatan Mesías Torres.
A obra ofrece unha interpretación pouco habitual do litoral de Caión, centrada na súa dimensión pétrea: masas rochosas en primeiro plano, a costa atlántica ao fondo e un reflexo que une terra e mar nun mesmo diálogo visual.
3º premio, dotado con 250 euros: Fogar das xacias, de Iván Gómez Costa
Realizada o 2 de novembro na contorna do muíño Grande de Gabenlle, a fotografía centra a atención nunha pequena fervenza, empregando unha longa exposición para acadar o característico efecto seda da auga.
Así mesmo, lémbrase que a fotografía titulada Memorias de auga e cerne, realizada por Iria Boza Martínez, veciña da parroquia de Golmar, resultou gañadora da modalidade “Redes Sociais”, dotada con 250 euros, tras ser a imaxe que acadou máis reaccións positivas na páxina de Facebook Turismo da Laracha durante o período de votación.
O xurado profesional estivo formado por Raúl Lorenzo, realizador audiovisual; Irene Boquete, responsable do Mesón A Taberna de Santa Margarida en Montemaior, ademais de ser membro da Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) e da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM); e por María Canedo, técnica de Turismo e Cultura do Concello.