O BNG recolle sinaturas na feira de Paisaco para mellorar o servizo de sanidade na Laracha
O pasado domingo día 15 de marzo, o BNG da Laracha e da comarca, colocaba un posto na feira de Paisaco para mellorar o servizo de sanidade na Laracha.
Durante a xornada repartiron folletos informativos, recolleron sinaturas para reivindicar a mellora de servizos no Centro de Saúde da Laracha. “O que máis nos está a sorprender é a cantidade de xente que vive na Laracha e manten o médico noutra localidade, precisamente pola falta de servizo en horario vespertino, algo que lles resulta imprescindible para poder conciliar a vida persoal coa laboral”- aseguraron os promotores da iniciativa. Que ademais resaltaron que en escasas tres horas conseguiron varios centos de sinaturas.
A portavoz do BNG larachés, Carolina Castiñeiras, declarou tamén que grazas á presión que está facendo a súa formación, están obrigando ó PP a moverse: “soubemos que en breve se vai implementar un servizo de psicoloxía no Centro de Saúde na Laracha, algo que consideramos esesncial e que xa debería de levar tempo funcionando. Lembremos que dende que se inagurou o PAC, o PP falou de incrementar servizos polos que a Laracha leva agardando dende antes da Pandemia.”
Pola súa banda, o deputado no Parlamento Galego, Óscar Ínsua lembrou que o Partido Popular da Laracha votou de novo en contra, no último pleno ordinario, a esta reivindicación de sumar máis persoal médico e sanitario na Laracha e anunciou que nas vindeiras semanas se presentarán todas estas sinaturas na Consellería de Sanidade, como medida de presión para conseguir este servizo.