O BNG volve pretuntar polos Orzamentos da Laracha

Carolina Castiñeiras, voceira do BNG da Laracha

O Bloque Nacionalista Galego local ven poñendo de manifesto nas últimas sesións plenarias o que considera como "deterioro na calidade das xestións que son reponsabilidade de goberno como son as obras mal executadas, o retraso das mesmas" ou a "inexistencia de orzamentos anuais municipais cando estamos a piques de rematar febreiro".

A súa portavoz, Carolina Castiñeiras, declarou que “non hai excusa para que un goberno municipal en maioría non teña cumprido coa sua obriga de presentalos e aprobalos antes de final de ano”, e recordou que “xa o ano pasado houbo retraso e aprobáronse os orzamentos comezado o novo ano, porén”, continuou Carolina, “fomos comprensivos ca súa explicación de que se tiñan que incorporar a el proxectos de moita envergadura e orzamento, como as obras de rehabilitación da casa consistorial e o edificio interxeracional. Mais este ano non hai nada disto”.

Dende o BNG din ser conscientes da situación que se está a vivir no concello coa suma de varias baixas entre o funcionariado, mais isto, "lonxe de servir como excusa o que fai é evidenciar a nula capacidade de xestión do goberno municipal", entenden. Así, a organización nacionalista cuestionou o labor do goberno do concello: “se as cousas se fan a última hora ou fóra de prazo, se non se dan executado as obras, se todo é culpa da falta de funcionariado, daquela para que serve o goberno? Como poden vender ao electorado que son bos xestores se agora se demostra que todo o funcionamento deste concello depende do persoal traballador?”

Finalmente, dende o BNG instaron o goberno municipal a presentar canto antes os orzamentos municipais, ferramenta indispensábel para a xestión do municipio e para que a veciñanza saiba en que se van investir os cartos.