Carolina Castiñeiras apela a mocidade como “motor de cambio” na Laracha

Carolina Castiñeiras escoltada por Xosé Regueira e Ana Pontón

Non faltou portavoz nacional, Ana Pontón, ao mitin de presentación da candidatura do BNG en Laracha, encabezada por Carolina Castiñeiras, unha candidatura que “combina experiencia e renovación e que inclúe moita xente moza”. Precisamente á mocidade interpelou a líder do Bloque para ser motor do cambio galego nas vindeiras eleccións municipais.

“Carolina ten proxecto e ten confianza no potencial deste concello e con ela está unha candidatura que combina experiencia e moita renovación, na que a xente moza sodes inmensa maioría”, destacou, “unha mocidade que está cansa de ver como se lles rouba o futuro pese a ser a xeración máis formada da historia”. “Por iso estou convencida de a xuventude vai ser o principal motor de cambio que este concello necesita para abrir un tempo novo de futuro e de esperanza, un tempo novo da man do BNG e desta candidatura de xente moza que sae a por todas o 28M”, resaltou.

A líder do Bloque recalcou que a candidatura que encabeza Carolina supón un BNG con forzas renovadas, “porque temos equipo e proxecto para transformar Laracha en positivo, como xa fixemos nos concellos que gobernamos, e aí tendes o exemplo de Carballo”. Neste sentido, Pontón puxo en valor o modelo municipal de éxito do Bloque, de gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, gobernos que melloran a vida das persoas, convertendo vilas e cidades en modelos de bo facer, referentes en todo o País. “Isto é o que estamos facendo nos concellos nos que gobernamos e é o que queremos facer tamén en Laracha”, subliñou.