O Centro de Interpretación dos Muíños de Agua conta cunha nova mostra expositiva

O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte xa conta cunha nova mostra expositiva. O alcalde, José Manuel López Varela, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, copresidiron onte ao mediodía a visita inaugural ás renovadas instalacións que foi guiada polo representante de Puertas Afuera Comunicación Medioambiental y Cultura, S.L., a empresa encargada da execución do proxecto, incluíndo a elaboración de todos os contidos.

A finalidade da iniciativa é dar un impulso ao museo e modernizalo desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes despois de máis de quince anos desde a apertura do centro. Potenciar o atractivo turístico dos contidos do museo, con novos paneis e material audiovisual, tamén significa poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha.

A intervención supuxo un investimento de 48.000 euros, financiados nun 80 % pola Deputación da Coruña e nun 20 % polo Concello. Tanto o alcalde da Laracha como o vicepresidente da Deputación valoraron a cooperación e o bo entendemento entre ambas administracións para facer realidade o proxecto. José Manuel López Varela explicou que “detectamos que tiñamos que darlle un novo aire ao museo”, e mostrouse satisfeito co resultado xa que agora “podemos ofrecer unha instalación máis didáctica, educativa e cultural”.

Concluíu afirmando que “ademais de poñer en valor os muíños e a reitoral, queremos que a xente acuda a visitar o museo e desfrutar del”, citando con carácter especial aos “grupos de escolares para que veñan descubrir o noso patrimonio e un centro de referencia na Costa da Morte e na provincia da Coruña”.

Xosé Regueira destacou o “labor importante na recuperación do patrimonio” realizado entre Concello e Deputación, e referiuse ao museo como un “centro que xogou un papel importante no pasado e vai xogar outro destacado no futuro, xa que por situación xeográfica pode ser referente dun itinerario que inclúa Soandres e o Castro de Montes Claros”, ademais de citar o proxecto Os fogóns do Anllóns co que a Deputación está a potenciar ese río que discorre tamén moi preto de Golmar.

Durante os últimos anos o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga. Esta actividade levouno a obter o recoñecemento como Centro Azul que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC). No acto de onte aproveitouse, tamén, para izar a bandeira con ese distintivo.

No momento actual as visitas ao museo de Golmar son exclusivas para grupos e deben ser concertadas previamente. Os interesados deben poñer en contacto co Concello ou coa Oficina de Información Turística municipal.