O ciclo de teatro dos Venres Culturais da Laracha amplíase a 5 funcións

Talía Teatro traerá "Un Deus Salvaxe" á Laracha

A programación cultural do Concello da Laracha volve ter en novembro e principios de decembro unha das súas citas máis esperadas do ano cos Venres Teatrais, o ciclo consolidado como un referente da escena galega e como unha oportunidade para achegar as artes escénicas á veciñanza. Nesta edición o Concello amplía a oferta con cinco funcións, todas na Casa da Cultura, ás 21:00 horas, dirixidas a maiores de 13 anos de idade e con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo da sala.

O ciclo, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, afronta temáticas e estilos diversos, compartindo espazos para o humor, a reflexión social e a innovación teatral.
Ademais, a obra programada para o 21 de novembro, Feminíssimas, inclúese dentro das actividades municipais en torno ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O ciclo abrirase o venres 7 de novembro con Go Home, da compañía Etiqueta Negra e protagonizada polos coñecidos actores cómicos David Amor e Josito Porto. A peza conta a historia dun viaxeiro incansable que decide vivir unha experiencia extrema: unha viaxe a cegas na que non sabe onde vai nin o que lle agarda. A aventura lévao a pasar unha noite no Cebreiro e a enfrontarse, con moito humor, a emocións tan humanas como a dúbida, o medo e a sorpresa.

O 14 de novembro será a quenda de Un deus salvaxe, de Talía Teatro, unha adaptación da coñecida obra de Yasmina Reza que reúne a dous matrimonios nun intento, en aparencia civilizado, de resolver unha disputa entre os seus fillos. O que comeza como unha conversa cordial acaba converténdose nunha sátira brillante sobre a hipocrisía social, as relacións persoais e o exceso de corrección política. O elenco está composto por María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais

O 21 de novembro representarase Feminíssimas, protagonizada por Stephy Llaryora, Noelia Blanco e Esther Carrodeguas. A acción desenvólvese nun moderno piso compartido onde tres antigas amigas se reencontran antes dun congreso feminista. A través do humor, a ironía e o diálogo, a obra amosa tres formas moi distintas de entender o feminismo e pon sobre a mesa cuestións que invitan á reflexión sobre a amizade e o respecto ás diferenzas.

O 28 de novembro chegará Nas nubes, de Redrum Teatro, unha proposta orixinal que combina humor, ciencia ficción e crítica social. Ambientada nun futuro dominado pola tecnoloxía, presenta a dous guías de museo que mostran aos visitantes obxectos da era predixital. O que comeza como unha parodia do presente convértese nunha profunda reflexión sobre a memoria, a identidade e a relación entre humanidade e tecnoloxía. A peza interpretada por Xúlio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo

A programación pecharase o venres 5 de decembro con Tolóptica, da compañía Código Azul, unha comedia negra protagonizada por Martín Espantoso, Marcos Fernández e Yoli Lorenzo. A historia transcorre durante unha convención empresarial dunha cadea de ópticas, onde dous empregados se enfrontan a situacións absurdas que poñen de manifesto a competitividade e o materialismo da sociedade actual.