O Plan Integrado de Emprego da Laracha buscará conseguir 40 insercións laborais
O novo programa integrado de emprego que se está a desenvolver na Laracha iniciará a próxima semana a fase relativa á formación específica dos participantes co curso de Actividades básicas de loxística de almacén. 20 persoas serán capacitadas nese campo, incluíndo o emprego de ferramentas e de maquinaria, así como a normativa de prevención de riscos laborais nunha acción formativa que comezará o 17 de marzo e se prolongará ata o 9 de maio.
Este será a primeira das formacións dirixidas ao total de 100 participantes do programa integrado de emprego, todos eles persoas que se atopan en situación de busca activa de emprego. O obxectivo de inserción laboral é do 40 %.
As accións están enfocadas a atender demanda de traballadores cualificados, tales como a loxística, a condución de carretilla elevadora ou os servizos á comunidade, como por exemplo a teleasistencia, o acompañamento no transporte escolar ou o coidado no comedor escolar.
Durante a súa participación no programa os participantes gozan de medidas de axuda á conciliación que porá a súa disposición o Concello da Laracha. Ademais, pola asistencia a cada acción formativa percibirán unha bolsa diaria de dez euros.
Para completar as accións formativas, o programa conta cun servizo de orientación laboral que promoverá a realización de prácticas non laborais en empresas colaboradoras coa fin de achegarse ao sector privado comarcal e tamén de xestionar ofertas de emprego que procuran persoal capacitado. Se algunha empresa está interesada pode poñerse en contacto co programa integrado de emprego da Laracha por teléfono nos números 981309891, 981612811, 621007079 ou por correo electrónico en programaintegradoemprego@alaracha.gal.