Entregados os premios do Concurso A Laracha no Obxectivo

O Concello da Laracha realizou entrega dos premios da IV edición do concurso fotográfico A Laracha no Obxectivo, unha iniciativa municipal que busca poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico, cultural e etnográfico do municipio, ademais de reforzar a súa proxección turística e aumentar o arquivo fotográfico do Concello. Aquí podedes ver as fotos gañadoras:

Nesta convocatoria presentáronse preto de medio centenar de imaxes na modalidade “Xeral”, o que supón un incremento respecto ás edicións anteriores e evidencia o interese crecente da cidadanía polo concurso. O xurado profesional, composto por Raúl Lorenzo, realizador audiovisual, Irene Boquete, representante de A Taberna e membro de CMAT e APTCM, e a propia técnica municipal María Canedo, avaliara as propostas atendendo á súa composición, creatividade, tratamento da luz e capacidade para reflectir os valores paisaxísticos e culturais da Laracha.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou “a calidade e a cantidade das fotografías presentadas, que pasarán a formar parte do arquivo fotográfico municipal e contribuirán a seguir difundindo a identidade do noso territorio”. López Varela felicitou tamén “aos participantes, todos eles afeccionados á fotografía, polo esforzo, a dedicación e o talento amosado nesta nova edición”.

Os 1.500 euros en premios repártense do seguinte xeito:

1º premio (600 €): Lúa decrecente polo santuario, de Antonio Fernández Martínez. A instantánea capta a lúa decrecente aliñada co campanario do santuario dos Milagres, cunha silueta aviar sobre o pararraios que engade singularidade a unha escena meticulosamente planificada. O xurado salientou o forte impacto visual e a preparación técnica que require unha composición deste tipo.

2º premio (400 €): Memoria de piedra, de Jonatan Mesías Torres. A obra ofrece unha visión pouco habitual do litoral de Caión centrada na súa dimensión pétrea. A perspectiva baixa, a riqueza de texturas e o diálogo entre terra e mar foron elementos especialmente valorados polo xurado.

3º premio (250 €): Fogar das xacias, de Iván Gómez Costa. Realizada na contorna do muíño Grande de Gabenlle, a fotografía utiliza unha longa exposición para lograr o efecto seda da auga. O xurado recoñeceu a coidada composición e a capacidade para transmitir harmonía a través dos elementos naturais.

Na modalidade “Redes Sociais”, dotada con 250 euros, resultou gañadora a fotografía Memorias de auga e cerne, de Iria Boza Martínez, veciña de Golmar, tras acadar o maior número de reaccións positivas na páxina de Facebook Turismo da Laracha durante o período de votación.