O goberno da Laracha leva ao pleno uns Orzamentos de 10,8 millóns
O pleno deste martes no Concello da Laracha votará a proposta dos Orzamentos de 2025 presentada polo grupo popular.
Como dato global, o orzamento xeral do 2025 será lixeiramente inferior ao do ano anterior, nos que foran os presupostos máis altos na historia do Concello. Situarase nos 10.880.000 euros, equilibrados en gastos e ingresos, o que supón un 0,82 % menos que en 2024, circunstancia motivada principalmente porque no exercicio pasado se recollían subvencións de capital para actuacións de investimento que xa se levaron a cabo.
As contas veránse aumentadas coa partida do Ministerio para la Transición Justa para a rehabilitación do Edificio de Servizos Múltiples e a súa transformación nun Edificio Interxeracional.
Gasto corrente, o 62%
O capítulo dos gastos en bens correntes e servizos lévase o 62 % do total dos orzamentos (6.750.000 euros), cun aumento notable de preto do 12 % con respecto ao ano anterior. O incremento da importancia tanto relativa como absoluta deste apartado explícase polas necesidades que implica a conservación das infraestruturas, a cobertura en programas sociais, laborais, formativos, culturais e deportivos de interese para a cidadanía, e factores que supoñen un encarecemento na prestación de servizos, tales como a inflación e o incremento do prezo das fontes enerxéticas. O subministro eléctrico, o ciclo integral da auga ou a recollida de residuos, levan partidas moi importantes.
O capítulo de persoal é similar ao do curso anterior, cunha consignación de crédito que recolle o incremento do 2,5 % das retribucións actuais en previsión dun futuro acordo marco cos sindicatos durante o ano actual.
Investimentos
En canto a investimentos reais hai un total de 640.000 euros que para obras de ampliación do punto limpo e da reforma da Casa do Concello; o desenvolvemento do plan municipal de conservación e mellora da rede viaria e a adquisición de camas articuladas e de equipos informáticos para o departamento de Servizos Sociais.
Iniciativas
Destacan as iniciativas que dinamicen a economía local e que sexan xeradoras de oportunidades a través dos programas de formación para o emprego, ademais de lembrar as subvencións directas a entidades culturais, deportivas e educativas, así como aos deportistas máis destacados a título individual. E cos estudantes de calquera nivel por medio das axudas á escolarización.