luns. 17.03.2025
El tiempo

O Punto Limpo do Formigueiro e a recollida de voluminosos superaron as 200 toneladas

Punto Limpo Formigueiro Laracha
Punto Limpo Formigueiro Laracha
O Punto Limpo do Formigueiro e a recollida de voluminosos superaron as 200 toneladas

Que importante seguir anunciando a existencia de dous servizos tan básicos como os Puntos Limpos e o Servizo de Recollida a Domicilio de Voluminosos. Porque seguimos vendo sofás, somieres, armarios... ciscados polas rúas, co fácil que é chamar ao concello e que cho veñan a recoller...

Así o fai o Concello da Laracha, que aproveita as cifras de 2024 que vén de aportar Coregal, a empresa que xestiona o Punto Limpo do Formigueiro e a recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos.

Como dato máis significativo, por primeira vez alcanzouse a cifra de 200 toneladas (t) de residuos recollidas nas instalacións do punto limpo e xestionadas para o seu posterior tratamento en centros especializados.
A maior parte dese material foi restos de madeira (71,5 t), metais (29 t), electrodomésticos (26 t), residuos voluminosos (21 t), entullos limpos (21 t), televisións e monitores (12 t) e plásticos (6 t). En menor cantidade tamén foron recollidos aceites domésticos, baterías, envases, pilas, aerosois, fluorescentes, pneumáticos, vidro, pinturas, ferro e aceiro.

 

Residuos sólidos urbanos

En canto aos residuos sólidos urbanos, os datos de 2024 indican que os laracheses depositaron 3.830 toneladas no contedor da fracción resto, cun incremento do 2 % con respecto ao ano anterior.

Pola súa parte, o aumento interanual da recollida nos colectores amarelos de envases lixeiros é do 13 %, superando en 2024 as 176 toneladas, datos que son o resultado da maior cobertura de contedores desas características en todo o termo municipal a través das iniciativas desenvolvidas polo Concello e o bo uso dos mesmos por parte da cidadanía.

Sen embargo, rexistrouse un descenso do 10 % nos residuos orgánicos depositados na quinta fracción de cor marrón implantada nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, cun total de 111 toneladas recollidas. O Concello fai un chamamento para incrementar esta cantidade, lembrando que na Casa Consistorial pode solicitarse de balde a chave para abrir os contedores marróns nos que depositar os residuos orgánicos, que posteriormente será convertido en compost na planta de Sogama.

Ademais, recolléronse 120 t de envases de vidro dos iglús verdes e 115 t de papel e cartón nos contedores azuis, ao que se engaden outras 39 t de cartón do servizo de recollida porta a porta que se presta ás empresas. Nos contedores laranxas para aceites de cociña superáronse as 3 toneladas.

Servizos gratuitos

O punto limpo da Laracha, situado xunto á ponte do Formigueiro, é un servizo gratuíto que está a disposición da cidadanía os luns (15:00 a 20:00 h), mércores, venres (16:00 a 20:00 h) e sábados (9:00 a 14:00 h). As instalacións están a ser obxecto do proxecto de ampliación, actualmente xa na fase final, que permitirá en próximas datas incrementar os servizos que ofrece para unha mellor e máis cómoda e eficiente xestión dos residuos.

Tamén é gratuíto o servizo de recollida domiciliaria de voluminosos, que debe solicitarse chamando ao teléfono 900701120.

Comentarios