Julio Abalde na Xunta Local de Seguridade: "A Laracha é un concello seguro"

Celebrouse onte a Xunta Local de Seguridade do Concello da Laracha, na que participaron representantes da Policía Adscrita, da Policía Local, da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico así como da Subdelegación e do CIM da Laracha. 

Na xuntanza analizouse a situación de seguridade no termo municipal, e segundo as cifras, "A Laracha consolídase como un concello seguro", asegurou o subdelegado do goberno Julio Abalde, cunha taxa de criminalidade de 23,96 delitos por mil habitantes, máis de 10 puntos por debaixo da media da provincia e da de Galicia, sendo a comunidade galega a terceira máis segura de España. Destaca ademais o lixeiro descenso dos delitos tradicionais e o aumento dos delitos dixitais.

Educación

Re pasaron o Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, un programa do Ministerio do Interior dirixido a reforzar a protección da comunidade escolar. No caso da Laracha, é a Garda Civil quen o leva a cabo.
No curso 2024-2025, participaron catro centros educativos e catro AMPAs, cun total de 54 accións formativas e informativas para 405 asistentes, entre alumnado, profesorado e pais e nais. As temáticas foron sobre TIC e ciberseguridade, mediacións en conflitos no ámbito escolar, acoso e ciberacoso, adiccións como apostas, videoxogos, drogas e alcohol, e sobre violencia de xénero.


Compromiso común contra a violencia de xénero

Outro dos puntos tratados foi o balance das actuacións en materia de violencia de xénero. O Concello da Laracha está adherido ao Sistema VioGén, ferramenta clave para o seguimento e protección das vítimas, xestionada pola Secretaría de Estado de Seguridade.
Na provincia da Coruña existen 31 concellos adheridos, con previsión de cinco novas incorporacións, e un total de 2.763 casos activos. O subdelegado realizou un chamamento aos 60 concellos con Policía Local para avanzar na adhesión ao sistema e reforzar así a loita contra esta lacra social.
O Concello da Laracha recibiu este ano un total de 17.581,47 euros de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, destinados a accións de prevención, sensibilización e mellora da atención ás vítimas.