Laracha acolle un novo Obradoiro de Emprego dual de Conservación Forestal e de Carpintería

O actual Obradoiro de emprego de carpintería está traballando para mellorar paseo fluvial de Gabenlle

Os Concellos que participan na iniciativa dos Obradoiros de Emprego repiten. Así acontece cos concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo, e así pasa coa Laracha. Porque ter unha oportunidade de formar nunha profesión, pagando, a unha vintena de mozos, é algo que non se pode deixar escapar.

Laracha anuncia que volverá ter un Obradoiro de Emprego, o sexto programa dual de formación e emprego que organizará o Concello. Un obradoiro para 20 alumn@s-traballador@s, que ademais, supón a contratación do equipo directivo, formativo e administrativo composto por un director, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre/titor e un auxiliar administrativo.

Unha das especialidades será a de Actividades Auxiliares en Conservación e mellora de montes. Os proxectos que realizarán consistirán na posta en valor de zonas verdes públicas repoboándoas de árbores e vexetación autóctona e dotándoas con mobiliario urbano co propósito de mellorar as súas condicións para promover o seu uso e disfrute por parte da cidadanía. As principais intervencións serán na zona verde situada nas inmediacións do parque empresarial e a área recreativa de Gabenlle.

A outra especialidade será a de traballos de carpintería e moble. Encargarase da mellora do paseo fluvial do Anllóns –dando continuidade ao proxecto que está a executar actualmente o Obradoiro de Emprego A Laracha V- e tamén da renovación do mobiliario urbano e do peche perimetral da parcela do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.

En próximas datas o Concello iniciará os procesos selectivos. As persoas que desexen optar a un dos postos de alumnos-traballadores deben estar empadroadas no termo municipal da Laracha, atoparse en idade laboral e estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.

Novas relacionadas