A Laracha acollerá unha nova proxección do documental "Os Oficios Tradicionais"

O  próximo sábado (22 de novembro) ás 18:30 horas a Casa da Cultura da Laracha acollerá unha nova proxección do documental Os Oficios Tradicionais, unha iniciativa do Concello posta en marcha dentro do programa A Memoria da Laracha, que ten por dobre obxectivo a prevención da soidade non desexada entre o colectivo das persoas maiores e recuperar os recordos, historias e tamén material gráfico e documentos de interese para a súa posta en valor como elementos destacados do patrimonio cultural do municipio.

A proxección do documental vai dirixida a todos os públicos, con entrada libre e gratuíta.

Os oficios tradicionais foi producido polo escritor e documentalista arteixán Xabier Maceiras e o realizador audiovisual larachés Raúl Lorenzo. É o froito dos encontros realizados durante os últimos meses nas parroquias de Golmar, Caión, Soandres e Montemaior, nos que numerosos veciños e veciñas colaboraron achegando información, documentos e imaxes sobre os oficios tradicionais, ademais de relatos sobre lendas e medicina popular que quedaron recollidos para futuros traballos.

O Concello lembra tamén que aquelas persoas que poidan aportar novos datos, historias, material, etc. sobre os citados temas poden facelo a través do Departamento de Servizos Sociais, chamando ao 981 612 811 ou enviando un correo a servizos.sociais@alaracha.es. Poderán ser empregados en futuros documentais, proceso no que tamén se realizarían novos encontros cos cidadáns noutras parroquias.

O programa A Memoria da Laracha conta coa colaboración e financiamento da Deputación da Coruña.