A Laracha xa ten Orzamentos 2026
Os Orzamentos Xerais para o exercicio 2026, que alcanzan os 11.910.000 euros, os máis altos da historia municipal. As contas medran nun 9,47 % con respecto ao ano anterior, apuntando o rexedor José Manuel López Varela que "somos partidarios de ir por debaixo do que probablemente sexa o orzamento final, e aínda así é o máis alto da historia do Concello ”.
O orzamento mantén unha estrutura orientada á prestación de servizos públicos e ao investimento municipal.
O capítulo de bens correntes e servizos, que garante o funcionamento ordinario do Concello, supera os 7,2 millóns de euros, máis do 60%.
A investimentos reais en infraestruturas municipais destinaranse máis de 1 millón de euros (8,5 %), con actuacións destacadas como, entre outras, a construción do novo aparcamento do CEIP Otero Pedrayo, a humanización da Avenida López Astray do núcleo urbano da Laracha, a posta en valor das Torres de Cillobre ou a expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón e o seu proxecto de urbanización.
Tamén se reforzan as transferencias correntes destinadas ás bolsas de estudos, ás subvencións para entidades culturais, educativas e deportivas e ás comisións de festas de todas as parroquias.
O capítulo de persoal é inicialmente inferior ao do curso anterior ao non estar contemplado o obradoiro de emprego, aínda que o Concello aspira a organizar outro programa desas características co apoio da Xunta de Galicia.
Durante o debate plenario, o rexedor incidiu en que o orzamento mantén a política de moderación fiscal do Concello. “Non subimos impostos. O único que se actualizou foi a taxa da recollida de lixo por imperativo legal, e aínda así seguimos sendo dos concellos máis económicos da contorna”, sinalou. Ademais, anunciou que o Goberno municipal prevé levar a un próximo Pleno a aprobación de bonificacións para reducir o impacto desta actualización.
Modificación de ordenanzas fiscais
Na mesma sesión plenaria aprobouse, tamén coa negativa dos dous grupos da oposición, a modificación de tres ordenanzas fiscais municipais reguladoras do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).O cambio normativo responde á bonificación máxima das cotas para as empresas que se implanten e xeren emprego no ámbito do parque empresarial, que pasarán do 95 % actual ao 80 %, medida que pretende manter o carácter emprendedor do Concello ao tempo que se reforza a corresponsabilidade fiscal.