O Museo de Golmar acolle un programa de actividades en agosto

Baixo o título Agosto no muíño, a Laracha ofrece unha nova programación de actividades no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar co propósito de seguir dinamizando este espazo museístico e ofrecer propostas de lecer e divulgación para públicos de todas as idades.

A programación comezará o martes 4 de agosto cunha proposta para todos os públicos que inclúe, desde as 11:00 horas, visita guiada ao Centro de Interpretación e andaina Ruta da Muiñeira ao ritmo do río Acheiro. A mesma actividade repetirase o día 20 de agosto.

Realizaranse tamén os talleres de costura Fíos Creativos, impartidos por Ana Trasariz. As sesións, de 11:00 a 13:00 h, serán o día 12 destinada a nenos de entre 6 e 12 anos, e  a do día 13, a adultos e maiores de 13 anos.

Tres novos obradoiros completarán a oferta para o público infantil (5 a 12 anos), todos eles a realizar de 10:30 a 13:00 h. O día 19 Do gran ao pan, no que se explicará todo o proceso necesario para a creación dun boliño que farán os propios participantes. Os días 25 e 26, Mans á masa, un taller de cociña saudable. E o último, Días no muíño, o 27 e o 28 de agosto.

Tamén haberá o obradoiro para adultos de xoias sostibles Do lixo á xoia o día 22 de 11:00 a 13:00 h, impartido por María Candamo de Lixo Atelier.

O prazo de inscrición para todas as actividades de Agosto no muíño xa está aberto. As persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando ao teléfono 647828559 ou enviando un correo electrónico a museodegolmar@alaracha.gal.

O Concello lembra ademais que durante o verán o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte permanece aberto ao público de martes a sábado en horario de 10:00 a 18:00 horas. O acceso ás instalacións é gratuíto.