O Pleno da Laracha ao completo amosa o seu rexeitamento á planta de Biogás de Soandres

Pleno con público onte na Laracha
  • O Concello informou á Xunta de Portavoces a situación o proxecto de instalación dunha estación base de telefonía móbil no núcleo da Botica, nunha parcela situada xunto ao CEIP Otero Pedrayo.

A Corporación municipal da Laracha expresou no Pleno ordinario celebrado hoxe o seu rexeitamento unánime -refrendado polos tres grupos municipais- ao proxecto de instalación dunha planta de biogás no lugar de Vista Alegre da parroquia de Soandres, deixando clara a súa oposición a unha iniciativa que xerou unha fonda preocupación entre a veciñanza.

Durante a sesión o alcalde, José Manuel López Varela, explicou a postura contraria do grupo de goberno a esta iniciativa, subliñando que o Concello defenderá por riba de todo os intereses da veciñanza e a protección do entorno. Neste sentido, tamén quixo trasladar unha mensaxe de claridade sobre o procedemento administrativo, indicando que a Xunta de Galicia ten a obriga legal de tramitar todos os proxectos empresariais que se presentan ante a Administración, que son analizados polos técnicos autonómicos con rigor e profesionalidade, especialmente desde o punto de vista ambiental, e que serán os informes sectoriais e a avaliación ambiental os que determinen a súa viabilidade. O rexedor recalcou que este procedemento é garantista e que só saen adiante aquelas actuacións compatibles coa protección do medio ambiente.

Ademais, comprometeuse a que, no momento no que o proxecto estea en exposición pública, o Concello convocará á veciñanza a unha xuntanza informativa coa participación de persoal técnico municipal na que se explicará en detalle o proxecto, a postura municipal e facilitarase a presentación de alegacións, incluíndo a elaboración dun modelo tipo para que calquera persoa poida sumarse ao proceso.

No transcurso do Pleno, veciños presentes tiveron tamén a oportunidade de intervir para expresar a súa preocupación e posicionamento sobre esta cuestión. O alcalde agradeceu a súa presenza e participación, reiterando o compromiso do Concello de actuar en defensa dos intereses xerais da cidadanía.

Aprobación inicial da modificación do PXOM

O Pleno aprobou con carácter inicial a modificación puntual número 7 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha iniciativa estratéxica orientada a adaptar o planeamento urbanístico ás necesidades actuais do municipio. O acordo saíu adiante tamén co respaldo unánime da Corporación.

Tal e como explicou o alcalde, esta modificación permitirá ampliar os espazos destinados a usos educativos e dotacionais, reforzando as posibilidades de crecemento dos centros de ensino e mellorando os servizos á poboación. Ademais, destacou o potencial dun ámbito situado á entrada da Laracha, a carón da AC-552, como localización idónea para a futura creación dun gran centro social e cultural con novas instalacións, bos accesos e amplo espazo de aparcamento, chamado a converterse nun referente no termo municipal.
O documento será sometido agora a información pública durante dous meses, continuando así a súa tramitación conforme á normativa vixente.

Plan especial do Igrexario de Lestón

Tamén se deu luz verde, por unanimidade, ao Plan especial do entorno da igrexa parroquial de San Martiño de Lestón. Neste caso a aprobación elévase a definitiva, culminando a tramitación urbanística necesaria para avanzar nos trámites dunha actuación estratéxica para a segunda parroquia máis poboada do concello.

Este proxecto permitirá a creación dunha nova praza pública con zona de estacionamento, mellorando a accesibilidade peonil e reorganizando as conexións viarias nun punto clave. A intervención contribuirá a reforzar a funcionalidade e a seguridade do espazo, ademais de poñer en valor o seu papel como lugar de encontro para a veciñanza.

 

Estación base de telefonía proxectada na Botica

En paralelo, o Goberno local convocou a Xunta de Portavoces celebrada antes do Pleno ordinario para dar conta aos grupos municipais da situación na que se atopa o proxecto de instalación dunha estación base de telefonía móbil no núcleo da Botica, nunha parcela situada xunto ao CEIP Otero Pedrayo, cuestión que desde o primeiro momento espertou inquietude entre a comunidade educativa e a veciñanza da zona.

O proxecto fora presentado no ano 2023. Nese momento, desde o Concello solicitouse á empresa promotora documentación complementaria e as autorizacións sectoriais preceptivas, ao tempo que se lle trasladou que o emprazamento proposto non parecía o máis axeitado tendo en conta a súa proximidade ao colexio con máis alumnado do termo municipal e as características da instalación prevista, consistente nunha torre de 40 metros de altura. Paralelamente, informouse tamén á veciñanza sobre esta circunstancia.

Ao longo deste proceso producíronse diferentes iniciativas de rexeitamento por parte da cidadanía, entre elas as recollidas de sinaturas impulsadas pola ANPA O Acevo, veciñanza da contorna e mesmo por tres dos catro copropietarios da parcela afectada. Esa documentación foi rexistrada no Concello e posta en coñecemento da empresa.

As obras chegaron a iniciarse sen contar coas autorizacións sectoriais esixidas, o que motivou a súa paralización por parte do Concello. A día de hoxe, esa paralización continúa en vigor.

En decembro de 2025 produciuse unha modificación na normativa aplicable que cambia de maneira significativa o escenario administrativo ao non requirirse o informe sectorial de Medio Rural. En base a esta nova regulación, a empresa promotora solicitou o levantamento da paralización das obras.

O Concello mantivo recentemente encontros coas persoas e colectivos que promoveron as recollidas de sinaturas para explicarlles esta nova situación, na que as marxes de actuación municipal quedan moi condicionadas. Na práctica, este tipo de instalacións están suxeitas a un réxime de declaración responsable que permite ao promotor executar as obras desde a presentación do proxecto, sempre que cumpra cos requisitos establecidos.

Neste contexto, a intervención do Concello limítase a verificar que o uso do solo é compatible e que se dispoñen das autorizacións sectoriais que resulten preceptivas.

O Concello da Laracha continuará facendo un seguimento do expediente e mantendo informada á veciñanza, "actuando en todo momento dentro das súas competencias e coa vontade de atender unha preocupación compartida pola comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo e a veciñanza", aseguran.