O pleno da Laracha aproba usar 1 millón de remanente para a iluminación do paseo marítimo de Caión e varias melloras viarias

O auditorio da Casa da Cultura acollía onte a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de xullo. O asunto máis destacado foi a aprobación, por unanimidade dos tres grupos municipais, dun suplemento de crédito por importe de 1.063.242,49 euros a financiar con cargo ao remanente de tesourería para destinar a investimentos financeiramente sostibles.

O Concello afrontará:

  • A renovación a iluminación pública no paseo marítimo de Caión,
  • A expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón que transformará o entorno da igrexa de San Martiño,
  • A reforma do almacén do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco.
  • Varias melloras en infraestruturas viarias nas parroquias de Cabovilaño (núcleo de Oldán), Torás (estrada de Oldán á Barreira e no casco urbano da Laracha, Avenida Manuel Fraga e rúas Isaac Díaz Pardo, Mestre Baldomero Fraile, Luís Martínez e A Telleira), Lendo (núcleo de Bastón), Vilaño (estrada de Marfulo á Piña e núcleos de Vilanova, Fornelos e Fragunde), Lestón (núcleo da Grela e rúa Carballo Calero de Paiosaco) e Soandres (núcleos da Millarada e Vista Alegre).

Tamén se aprobou -neste caso, co voto en contra do grupo municipal socialista- a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT),

A unanimidade repetiuse na aprobacion dos festivos locais para o ano 2027, que serán, como é habitual no concello da Laracha, o Martes de Entroido (9 de febreiro) e o Día dos Milagres de Caión (8 de setembro).

Ademais, aprobouse unha moción de apoio á actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega que promove a Xunta de Galicia para o impulso de novas medidas que adapten o uso do idioma a todos os planos da vida pública, instando ás forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia a retomar o diálogo co obxectivo de construír novos consensos sobre a política lingüística.

Antes de rematar o Pleno, e ante a presenza como público de membros da Plataforma Stop Biogás A Laracha, López Varela expresou o seu recoñecemento “ao esforzo que estades facendo”, asegurando que “contades co apoio do Goberno local” e concluíu expresando o seu contundente rexeitamento a que a planta se instale na Laracha.

Propostas do PSOE

A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos, levou ao pleno ordinario de xullo un conxunto de mocións, rogos e preguntas centradas en "dar resposta a demandas veciñais urxentes e denunciar a xestión do goberno do PP no municipio".

A través dun rogo, o grupo socialista alerta do abandono da área canina situada entre a avenida Manuel Fraga e a DP-2404, onde son os propios usuarios os que fan amaños caseiros con bridas no valado.

Por último, o PSdeG-PSOE traslada ao Pleno as queixas dos veciños de Currelos de Arriba pola falta de contedores de lixo e os desbordamentos cando a recollida coincide en festivo. Pídese un incremento de contedores, a reparación inmediata dun burato perigoso xunto ao punto de recollida e un plan de mellora do firme nos accesos ao lugar.