Pleno unánime na Laracha

O Pleno da Laracha comezou cun minuto de silencio en sinal de respecto ás vítimas da covid e da violencia de xénero

Todos os puntos da orde de día aprobáronse por unanimidade polos 3 grupos municipais no pleno da Laracha celebrado onte.

O primeiro punto foi unha declaración institucional do Concello da Laracha en sinal de apoio á Confraría de Pescadores de Caión en particular e á frota galega de pesca artesanal en xeral ante a problemática que para eles supón a modificación do Regulamento de Control da Pesca aprobada recentemente polo Parlamento Europeo. Unha situación que provocou a folga do sector da pesca artesanal en toda Galicia.

O Pleno aprobou novo regulamento municipal de venda ambulante que afecta principalmente á feira de Paiosaco. Entre outros asuntos, a norma mellora aspectos como o funcionamento interno, a concesión dos postos, o cambio de titularidade, a identificación dos comerciantes e os requisitos necesarios para exercer a venda. Ademais, quedan establecidas multas aos titulares de postos que non os manteñan nun correcto estado de limpeza tras rematarse a xornada de feira.

Acordouse, tamén, solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Universidade o cambio de uso das antigas escolas da Areosa para convertelas de xeito oficial nun centro sociocultural, o que permitirá realizar obras de rehabilitación.

O Pleno aprobou mostrar o apoio do Concello da Laracha á declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial do Surf.