O programa Integrado de Emprego da Laracha impulsa a formación en teleasistencia e no emprendemento lcoal
Continuando co desenvolvemento do Programa Integrado de Emprego da Laracha, a pasada semana rematou a formación especializada en teleasistencia. Participaron catorce persoas, que ampliaron o seu currículo e, por tanto, as oportunidades de inserción no mercado laboral nun sector en crecemento e con alta demanda social. O alumnado terán a oportunidade de realizar prácticas non laborais en empresas dedicadas á prestación dese servizo para facilitarlles a adquisición de experiencia real.
Paralelamente, están en marcha os talleres de emprendemento, nos que se ofrece formación práctica e asesoramento para impulsar ideas innovadoras e proxectos empresariais. Na súa organización colabora activamente o Polo de Emprendemento de Coristanco achegando recursos e experiencia para apoiar a creación e consolidación de novas iniciativas.
Esta semana tamén comeza o último itinerario de formación, que estará centrado no manexo de follas de cálculo e de basesbde datos. Complementarase con outra formación relacionada coa administración que se realizará no mes de setembro. Ademais, de xeito continuado desde o servizo de orientación laboral do Programa Integrado de Emprego lévase a cabo un labor de prospección laboral, achegándose tanto ao tecido empresarial da comarca como xestionando ofertas de emprego remitidas por empresas que procuran persoal capacitado.
O Concello da Laracha conta co apoio da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal para poñer en marcha este tipo de iniciativas coas que pretende mellorar a formación das persoas que se atopan en situación de desemprego coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral e promover o espírito emprendedor.