O Punto Limpo do Formigueiro superou a barreira das 200 toneladas de residuos xestionadas
Fai balance o Concello da Laracha da labor do servizo de recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos a domicilio e do Punto Limpo do Formigueiro. O informe anual ofrecido pola empresa concesionaria dos servizos, Coregal, apunta que por segundo ano consecutivo, o Punto superou a barreira das 200 toneladas (t) de residuos xestionadas.
En concreto, ao longo de 2025 recolléronse 223,45 t, o que supón un incremento de arredor do 20 % respecto do exercicio anterior. Estes residuos foron trasladados posteriormente a centros especializados para o seu tratamento e valorización.
Que tipos de residuos
Por tipoloxías, a maior parte do material depositado correspondeu:
- a restos de madeira (86,5 toneladas),
- metais (35,5),
- electrodomésticos (33),
- entullos limpos (28),
- residuos voluminosos (21,5),
- televisións e monitores (9,5) e
- plásticos (7).
Tamén se recolleron en menor cantidade outros residuos como vidro, pinturas, baterías e envases contaminantes.
Horarios do Punto Limpo
O punto limpo municipal, situado xunto á ponte do Formigueiro, é un servizo gratuíto que está a disposición da cidadanía os luns de 15:00 a 20:00 h, os mércores e venres de 16:00 a 20:00 h, e os sábados de 9:00 a 14:00 h.
Ademais, coa recollida domiciliaria de residuos voluminosos durante o ano que rematou xestionáronse outras 60,5 t. Este servizo tamén é gratuíto e debe solicitarse chamando ao teléfono 900 701 120.
Recollida a domicilio de Residuos sólidos urbanos
No que atinxe aos residuos sólidos urbanos, os datos de 2025 reflicten que se depositaron 3.830 t no contedor da fracción resto, unha cifra moi semellante á do ano anterior, cun incremento inferior ao 1 %.
Unha evolución similar rexistrou o colector marrón de residuos orgánicos, que pasou de 111 a 112 t. Esta quinta fracción da recollida selectiva está implantada nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.
Pola súa banda, a recollida de envases lixeiros nos colectores amarelos acadou as 163,82 t, nos iglús verdes de vidro superáronse as 191 t, e nos contedores azuis de papel e cartón recolléronse 106 t, ás que hai que sumar outras 36 t xestionadas a través do servizo de recollida porta a porta que se presta ás empresas grandes produtoras.
Ademais, nos contedores laranxas de aceites depositáronse 4.355 quilos durante todo o ano 2025. Segundo os datos achegados pola empresa xestora, esta recollida permitiu evitar a contaminación de 4.790.500 litros de auga ao impedir que o residuo chegase á rede de sumidoiros. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o aceite recuperado xerou un aforro estimado de 13,06 toneladas de emisións de CO₂.
Concienciación
O Concello destaca a importancia da implicación activa da cidadanía na correcta separación dos residuos e no uso axeitado dos distintos servizos e contedores. Este compromiso é fundamental para favorecer o reciclado, reducir o impacto ambiental e avanzar cara a un modelo de xestión máis eficiente e sostible.