Susana Seivane, cabeza de cartel das Festas Patronais da Laracha

Susana Seivane na Carballeira de Zas de 2019

Segue sendo a música galega a herdeira do programa cultural desta pandemia. Así se demostra na Laracha, onde as verbenas dan paso a concertos como o de Xabier Díaz na Festas das Cereixas, ou como que ofrecerá Susana Seivane nas Festas patronais.

O Concello presentaba esta fin de semana o programa que se desenvolverá do 13 ao 17 de agosto.

O venres 13 de agosto ás 19:00 horas arrinca con Circo Galaico, de Títeres Alakrán. O sábado 14 desde as 21:30 horas é a cita do evento principal co concerto de Susana Seivane. “FA”, o seu quinto álbum, é o resultado dunha profunda introspección no campo da maternidade, dos convencionalismos, da familia e da plenitude persoal.

Para o domingo 15 ás 19:00 horas, toca Ikigai, un espectáculo infantil de rúa a cargo da compañía SU.MA, acrónimo das artistas Sue Moreno e María Move. Trátase dun evento de danza-circo 360º de medio formato, onde dous personaxes crean mundos de fantasía.
Xa pola noite, desde as 22:00 horas, o cómico Pepo Suevos chegará á Laracha co seu monólogo “Falade galego rapazada”, creado a partir da súa propia experiencia para animar aos millenials a empregar a lingua propia de Galicia en todas as situacións da súa vida.

O luns 16 ás 19:00 horas será a quenda para o Mago Xacobe, un dos ilusionistas galegos de maior prestixio que combinará no seu show a maxia co humor e a participación dos asistentes.

Por último, o martes 17 a partir das 22:30 horas ofrecerase cine de verán coa comedia Cuñados, protagonizada polos actores galegos Xosé A. Touriñán, Fede Pérez e Miguel de Lira.

Todos os eventos terán lugar na Praza Olonne sur Mer da capital municipal. Debido á limitación do aforo, e en cumprimento da normativa covid, será preciso que cada persoa que desexe asistir a calquera evento reserve previamente a súa praza de xeito gratuíto. Poderase facer cubrindo o correspondente formulario na web municipal ou acudindo ao Concello. As inscricións abriranse o martes 2 de agosto ás 12:00 horas.

 

Programa de voluntariado

O Concello pon o luns en marcha o programa de voluntariado xuvenil que organiza co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. 9 mozos formarán parte deste programa dirixido a persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.
Os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado oficial que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social.