Visitas guiadas por Caión

O Concello da Laracha volve organizar un novo programa de visitas guiadas pensado para todos os públicos -veciños, turistas e visitantes de calquera idade- co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico, natural e cultural de Caión.
Caión, entre mareas e historia consiste nun percorrido cultural guiado pola vila no que descubrir os lugares e puntos de interese máis destacados.

A visita comeza na Oficina de Turismo, situada na antiga casa reitoral, e remata cunha parada no museo do Arquivo da Pesca, un espazo que permite coñecer de preto a historia e tradición mariñeira da localidade. Este roteiro realizarase
todos os mércores e venres entre o 22 de xullo e o 4 de setembro, con saída ás 12:00 h.

A participación é gratuíta, pero require de inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse enviando os seus datos persoais por correo electrónico a turismo@alaracha.gal, chamando ao 647828510 ou ben presencialmente na oficina de turismo.