Alumnos e alumnas de varios centros de ensino secundario da zona participaron no I Festiciencias celebrado onte na praia de Balarés
Uns douscentos alumnos e alumnas de centros de ensino secundario de Ponteceso, Zas, Laxe, Cabana de Bergantiños, Baio e Buño déronse cita onte na praia de Balarés para participar no primeiro Festiciencias, unha actividade que por vez primeira convoca ao alumnado da comarca arredor da experimentación científica ao vivo por iniciativa da Deputación da Coruña e a Fundación Eduardo Pondal.
O responsábel da área de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación da Coruña - Xesús Soto - participou nos actos que, en homenaxe a Isidro Parga Pondal, tiveron lugar no entorno da praia de Balarés xunto co representante da Fundación Eduardo Pondal - Xosé María Varela - e diversos responsábeis dos concellos implicados como o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, o concelleiro de Patrimonio Histórico da Ponteceso, Carlos Penedo ou o concelleiro de Laxe, Ricardo Facal Castiñeira.
As actividades, que se desenvolveron ao longo da mañá na contorna da praia de Balarés, naceron como un programa paralelo á celebración do Festiletras.
“A actividade quixo poñer en valor a incidencia de Parga Pondal no que significou no seu día Balarés, moi lonxe dos valores medioambientais e de esparcimento e ocio que hoxe representa”, sinalou o deputado Xesús Soto que lembrou que o porto de Balarés foi utilizado en plana 2ª guerra mundial para o transporte do wolfram para Alemaña e da praia extraíase o titanio por parte da empresa Titania SA que creou riqueza no territorio, con salarios dignos nas épocas do racionamento. “A figura de Parga Pondal tivo tamén incidencia en posteriores procesos de desenvolvemento industrial e científico para Galiza”, explicou Soto que lembrou que xa en Titania coincidiu cos irmáns Fernández López que impulsaron empresas como Pescanova ou Zeltia.
A figura de Isidro Parga Pondal, á quen se lle rendeu homenaxe, presidía o deseño da xornada educativa que constituíu na creación, en plena zona de praia nun espazo habilitado con xaimas, de catro áreas de experimentación en que o alumnado se achegou á ciencia ao vivo por medio de experimentos para arredor de temas como a densidade da auga ou os efectos do plástico no ecosistema, en relación coa actividade mineira da zona. En total, participaron 183 alumnos e alumnas e 14 profesores e profesoras dos centros de Educación Primaria de 6º nivel de Malpica e Buño, Ponteceso e Corme, Cabana de Bergantiños, Laxe, Baio e Zas.
“Agardamos que o Festiciencias se consolide e teña un futuro sólido como xa ten o Festiletras en canto supón unha ferramenta para coñecer non só o alcance da figura do ilustrado galego senón tamén a incidencia das súas actuacións no eido industrial, científico e cultural para o futuro do noso país”, concluíu Xesús Soto.
Novas relacionadas