Cabana busca parellas para as ‘Prevodas Medievais’ de Rioboo e xa prepara o Castro Animado

Dúas das citas máis especiais do verán cabanés xa están en marcha: O Castro ANimado de Borneiro e a ‘Tarde Noite no Medievo’ na aldea de Rioboo.

De feito, o Concello xa anuncia que busca noivos e noivas para o regreso da celebración das ‘Prevodas Medievais’ que se celebrará no marco da cita medieval, que se celebra o vindeiro 9 de agosto.
Os enlaces contraídos durante a décimo sexta edición da festa non terán ningunha validez a efecto oficial, senón oficioso. Precisamente por este motivo, as persoas que decidan darse o ‘Sí quero’ deberán acudir ataviadas acordes á estética medieval, con traxes de labregos, embelecidos con coroas e ramos de flores silvestres ou demais elementos ornamentais desta índole.

As parellas que desexen contraer enlace xa poden anotarse no departamento de Cultura do Concello de Cabana de Bergantiños, ou ben chamando ao 981 754 020 ou ao 626 907 363.

Castro Animado

Así mesmo, xa está listo o programa do sábado 12 de xullo cando se desenvolverá unha nova edición do Castro Animado, unha festa onde a música, a arte e a gastronomía se dan a man nunha viaxe de regreso á Idade do Ferro.

A partir das 17:00 horas, comezarán as actividades cun encontro entre os habitantes doutros castros convidados. O evento contará cunha ampla oferta gastronómica, con degustacións de produtos típicos da zona, xeados artesáns e bebidas castrexas. Ademais, haberá demostracións e venda de cerámica e outros artigos de artesanía tradicional.

A nota máis lúdica e festiva virá da man dos xogos populares, da animación musical a cargo da banda de gaitas O Son do Castro, das visitas teatralizadas con Yago Espasandín e dun espectáculo aéreo de circo e teatro ofrecido por Sue Moreno 4.0.

Xa entrada a noite, a celebración continuará cunha gran churrascada, seguida dunha verbena amenizada por diferentes agrupacións musicais e o tradicional ritual da queimada.

Máis novas