Cee, Muros, Zas e Ponteceso entre os Concellos máis doadores de Galicia
Non podemos dicir aquelo de "A Costa da Morte é das zonas máis doadoras de Europa". Pero si que sacamos peito dicindo que son varios os nosos Concellos que superan a media galega de solidariedade.
Se a Organización Mundial da Saúde recomenda unha taxa de doazón de sangue entre 40 e 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, os Concellos de Cee, Muros, Zas e Santa Comba superan mesmo a barreira de arriba, mentres que Ponteceso, Corcubión e Laxe superan a media galega con solvencia.
Estes datos poñen de manifesto que Galicia precisa unhas 123.000 doazóns anuais, unha media de 42 por cada 1000 habitantes e ano (38 en España), e no 2012, de cando son sacados estes datos, non chegabamos ás 115.000, e baixando nos últimos anos...
E imos máis alá, porque case o 50% das doazóns proceden dos Concellos, e de aí a importancia de achegarse ata un dos 10 buses da doazón (as Unidades móbiles do Centro de Transfusión de Sangue) cando pasan polas nosas vilas.
| Concello | Taxa de doazón |
| Cee | 69/1000 |
| Muros | 68/1000 |
| Zas | 63/1000 |
| Santa Comba | 62/1000 |
| Ponteceso | 54/1000 |
| Corcubión | 49/1000 |
| Laracha | 48/1000 |
| Laxe | 46/1000 |
| Coristanco | 42/1000 |
| Carballo | 42/1000 |
| Vimianzo | 39/1000 |
| Carnota | 38/1000 |
| Mazaricos | 37/1000 |
| Malpica | 34/1000 |
| Camariñas | 31/1000 |
| Cabana | 26/1000 |
| Fisterra | 21/1000 |
| Muxía | 18/1000 |
| Dumbría | 9/1000 |
| Media Zona Costa da Morte | 42/1000 |
| Media Galicia | 42/1000 |
| Media España | 38/1000 |
- A Taxa de Doazón tómase por cada 1000 habitantes cada ano.
Outro tipo de doazóns
Non bus da doazón só temos a posibilidade da tradicional de sangue. Pero nos puntos fixos como no CHUAC da Coruña ou no CHUS de Santiago, temos a ocasión de doar por aférese, deste xeito unha doazón pode beneficiar a máis dun enfermo xa que os tres compoñentes sanguíneos adoitan utilizarse por separado. Falamos dos Glóbulos Vermellos (utilizados en intervencións cirurxicas, transplantes...), o Plasma (que contén proteínas e se usan para o tratamento de queimaduras, enfermidades crónicas, infeccionsas...), e Plaquetas (que se necesitan para o tratamento de enfermos con cancro ou leucemia...).
Como apuntamento tamén importante, tan só o 7% dos doadores posúen o grupo sanguíneo Cero Negativo, que é coñecido como o Doador Universal pois o seu sangue vale para todos os grupos.
Os últimos venres de mes en Cee
Hai poucos puntos fixos na Costa onde doar, pero un deles é cada último venres de mes, cando o bus da doazón aparca en Cee, diante do Centro de Saúde, de 17:00h a 21:00h.
En todo caso, poden estar atentos ás canles de comunicación do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia:
- Facebook Cetro de Transfusión de Galicia.
- Twitter @doadores.
- ctg.sergas.es.
- 900 100 828.
- doadoressangue.ctg@sergas.es.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).