De mina en mina

Colectivos de veciños e gandeiros presentaron alegacións en Zas a mina Isabela II

Non descansa o territorio costeiro. Vén de salvar da grave ameaza do ouro de Corcoesto e xa afronta un novo desafío: a mina Isabela II. Esta semana a actualidade déixanos dúas novas relacionadas con ambos proxectos mineiros: O peche final da mina de Corcoesto, e as novas protestas gandeiras contra Isabela II.

Edgewater perde as concesións mineiras en Corcoesto

O Tribunal Constitucional vén de avalar a modificación da lei de minaría de Galicia introducida polo artigo 84 da lei 12/2014, de medidas fiscais e administrativas, pola cal a denegación da autorización da explotación por calquera das causas legais, determinaría a caducidade dos dereitos mineiros. Esta modificación da lei afectaba de cheo á empresa mineira canadiense Edgewater que pretendía explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto, xa que o seu proxecto de explotación foi cancelado pola Xunta de Galicia en marzo de 2014 pola falta de solvencia técnica e económica da empresa. Esta cancelación e a publicación posterior da modificación da lei da minaría de Galicia supoñía para Edgewater a perda definitiva das concesións mineiras Emilita, Ciudad de Landró e Ciudad de Masma, que afectaban aos concellos de Cabana de Bergantiños e de Ponteceso.

No entanto, esta perda das concesións quedou no aire ao presentar o Goberno de España, presidido polo PP, en setembro de 2015 un recurso de inconstitucionalidade contra o citado artigo 84, por considerar que invadía o seu ámbito competencial ao introducir causas de caducidade non contempladas na lei de minaría estatal, que data do ano 1973, e que para o Goberno estatal tiña o carácter de lei básica.
Agora o Tribunal Constitucional vén de fallar a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, ao sinalar que o Estatuto de Autonomía de Galicia atribúelle a esta Comunidade, en materia mineira, a execución da lexislación do Estado, sinalando ademais que ese precepto da norma galega non fai máis que regular o conxunto de actuacións precisas para poñer en práctica a normativa estatal.

Con esta sentencia a empresa canadense Edgewater perde definitivamente todos os dereitos que tiña sobre dos montes de Corcoesto, e imposibilita, para tranquilidade da veciñanza da comarca, que se poida presentar no futuro outro proxecto de explotación de ouro na zona, segundo informa a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, ademais da asociación Petón do Lobo, ContraMINAcción e Salvemos Cabana.

 

O SLG, e as Asociacións, apoia na Costa da Morte a loita contra minas

Alza a voz esta semana contra os novos proxectos mineiros en Santa Comba e Zas (e Vimianzo e Coristanco) o Sindicato Labrego Galego, denunciando que ameazan 100 km² de terras nunha zona con máis de 2.000 granxas de vacún.

A coordinadora da loita contra a minaría salvaxe no SLG, Margarida Prieto Ledo, rexistrou o pasado 18 de febreiro, un documento de alegacións contra o proxecto de investigación mineira Isabela II, promovido polo Grupo M-FM 2001 SL. Prieto acompañou á Federación de Asociacións Veciñais de Zas “Pico de Meda” nun acto diante do Concello para presentar nada menos que 307 alegacións e 1187 sinaturas. A pancarta rezaba un claro "Galiza non é unha Mina: Defende a Terra, Defende a Vida”.

No documento, o SLG destaca a riqueza agrícola, forestal, silvícola, gandeira, turística e paisaxística dos concellos afectados, e recorda que a lei dá protección especial a este tipo de usos e prohibe calquera actuación que sexa incompatible cos “valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada”. E, para o SLG, a actividade mineira de investigación do proxecto Isabela II é incompatible cos usos actuais e potenciais do solo das áreas afectadas, que destacan pola súa idoneidade para a agricultura, gandería, apicultura, pesca, caza e explotacións forestais, etc.

O permiso de investigación mineira solicitado afecta unha zona onde o peso agrogandeiro e forestal é moi importante. De feito, e segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao número de unidades agrarias de transformación (UTAs) nas explotacións gandeiras dos concellos afectados, estes sectores mailo forestal dan traballo a máis de 28.000 persoas. Só nos catro concellos onde se pretenden levar a cabo as prospeccións, o IGE cifraba, con datos de 2014, en 1.416 as explotacións de vacún, que se elevarían a 2.138 se engadimos outros concellos da zona afectados por proxectos mineiros semellantes, como A Baña ou Mazaricos. Ademais, Coristanco está incluído na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia pola idoneidade dos seus solos para este cultivo.

A Federación de Asociacións Veciñais de Zas “Pico de Meda” engloba as seguinte s asociacións veciñais: Pedra do Congro (Vilar), Tras das Sebes (San Cremenzo de Pazos), As Torres (O Allo), A Rucheira (Lamas), Tabeirón (Baio), San Isidro (Gándara), Torres de Romelle (Santo Adrián de Castro) e Santiaguiño de Carreira (Carreira).

Novas relacionadas

Fonte 
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)