Dombate estrea este sábado unha exposición de artistas bergantiñáns sobre a fraxilidade humana

Este sábado 18 de abril, ás 11:00h terá lugar no Dolmen de Dombate a inauguración da exposición colectiva “A etérea fraxilidade humana”.

A mostra reúne a sete artistas vencellados á comarca de Bergantiños que propoñen unha reflexión sobre a vulnerabilidade e da natureza efémera do ser humano. Baixo un enfoque multidisciplinar, combínase pintura, escultura, instalacións e poesía, configurando unha proposta artística que afonda na condición humana, os sentimentos e a fugacidade da vida.

Na exposición participan Milagros Cotelo, Cristina Castro, Isabel Soutullo, XMN (Maribel Castiñeira), Loli España, Jesús ArtÉxtasis e Mon Lendoiro. Ademais, as obras dialogan coa obra poética de autores como Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Xaquín Silva e Pura Tejelo, ampliando a dimensión creativa da proposta. O acto de inauguración contará tamén coa voz da soprano Susana de Lorenzo.

A mostra poderá visitarse ata o 18 de xullo.