Unha furgonera e un novo programa de voluntariado na familia de Íntegro
A familia de Íntegro conta novidades.
Por unha banda, a Deputación da Coruña vén de reforzar o servizo de transporte adaptado da Asociación Íntegro, das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte, coa entrega dun novo vehículo destinado a facilitar o desprazamento diario das persoas usuarias aos seus centros de atención.
O novo vehículo permitirá optimizar as rutas, mellorar a eficiencia do servizo e reducir a necesidade de subcontratacións, reforzando a atención que a entidade presta ás persoas usuarias procedentes de distintos concellos de Bergantiños e Costa da Morte.
Novo programa
Ademais, a entidade pon en marcha a segunda edición de ‘Saberes e Sabores’, un proxecto de voluntariado interxeracional co que colabora o Concello de Cabana.
O programa desenvolverase ata o 15 de maio e promove a participación activa de persoas mozas, maiores e con discapacidade, tendendo pontes entre xeracións para compartir coñecementos, habilidades e ferramentas. Nel participan catro voluntarios —dous maiores de 55 anos e dous menores de 35— organizados en dúas parellas interxeracionais.
Unha delas encárgase do cultivo de produtos de tempada nun invernadoiro. A persoa maior achega a súa experiencia na agricultura, mentres que a máis nova contribúe co seu dominio das novas tecnoloxías para optimizar o proceso.
A outra parella traballa nos fogóns cos alimentos obtidos no invernadoiro. A persoa de maior idade comparte a sabedoría da cociña tradicional, mentres que a máis nova incorpora innovación e novas técnicas.
A terceira liña de actuación céntrase no aproveitamento deste traballo conxunto para apoiar os veciños da contorna que máis o precisan. Tanto os produtos do invernadoiro como os pratos preparados no obradoiro repártense entre persoas maiores en situación de vulnerabilidade.
O Concello colabora identificando os fogares onde esta doazón é máis necesaria. Dende o goberno municipal expresaron o seu agradecemento polo labor de Íntegro, “que leva tres décadas levando a cabo un excelente traballo, promovendo a integración e camiñando cara a unha sociedade máis xusta”.