Íntegro volve celebrar a diversidade coa nova edición do FestIgual
Presentou onte a familia de Íntegro, a 3ª edición do FestIgual, diversamente iguais, un evento que xa se consolida como unha das citas imprescindibles do
calendario festivo da Costa da Morte. A xornada, organizada pola asociación Íntegro en colaboración coa empresa Máis Porvir Xestión Social e o Concello de Cabana, terá lugar o sábado 31 de maio a partir das 12.00 horas.
O FestIgual busca, un ano máis, crear un espazo de encontro e celebración en torno á diversidade, reivindicando a inclusión e a igualdade de oportunidades a través dunha xornada pensada para todas as idades. Música tradicional, gastronomía, artesanía e propostas para a cativada conforman un programa pensado para gozar en familia e con amigos.
Durante a presentación oficial do cartel, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destacou que o FestIgual “é xa unha cita ineludible tanto para o público asistente como para os expositores, que atopan aquí unha gran oportunidade de participación”.
Programa da festa
A festa arrincará ao mediodía co pasarrúas dos Gaiteiros de Anos e continuará coa sesión vermú a cargo de O Tren da Unha. Pola tarde, ás 16.30 horas, o grupo Versión Imposible tomará o escenario para poñer a nota máis festiva e versionar grandes éxitos.
Por outra banda, ao longo da tarde, realizaranse varias rondas de sorteos. Preto de medio centenar de premios directos, entre os que haberá produtos, experiencias e cheques compra.
Os amantes da boa mesa tamén terán a súa cita obrigada cunha variada oferta gastronómica a base de petiscos e racións variadas.
Durante toda a tarde, de 16.00 a 20.00 horas, os máis cativos poderán desfrutar de inchables, xogos e pintacaras, mentres que os amantes da artesanía terán á súa disposición postos con produtos locais e ecolóxicos de 13.00 a 20.30 horas.
As entradas
O FestIgual é unha festa de acceso libre e totalmente gratuíta, na que o único requisito é ter gañas de compartir, bailar, desfrutar e reivindicar o valor dunha sociedade plural e inclusiva.
As entradas poderán adquirirse en venda anticipada chamando ao 981 734 985 ou 650 961 649, enviando un correo a info@integro.es ou directamente nas instalacións da entidade.