Mulleres Bravas de Honduras... e do Anllóns
Un dos momentos máis significativos da visita de Maigra Guevara e María Esther Velásquez a Galicia no marco do proxecto Mulleres Bravas de Honduras e Galicia, tivo lugar en Cabana. As mulleres da Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns acolleron ás hondureñas con respecto e agarimo, sabendo que as vidas mariscadoras galegas e as defensoras hondureñas teñen moitos paralelismos.
As dúas activistas hondureñas visitaron Galicia desde o 2 de marzo ata este luns 9, no marco do proxecto impulsado por Amigas da Terra Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a colaboración de Agareso. Realizaron unha serie de encontros polo noso pais que demostraron qe as loitas polo territorio e os dereitos das mulleres non entenden de fronteiras.
Loitas paralelas
Especial mención sinalan dende o proxecto ao encontro coas bergantiñás. Por un lado, Maigra compartiu os problemas que sofren nas lagoas de inverno da área protexida do Jicarito: a chegada de pescadores doutros municipios que esgota os recursos, os velenos que botan as empresas camaroneiras nas súas piscinas que matan os peixes río abaixo, e a contaminación das augas polos pesticidas das plantacións de cana de azucre e melón. Pola súa banda, Esther relatou como loitaron ata conseguir que o municipio de Namasigüe se declarase libre de minería.
Por bando costeiro, as mariscadoras galegas recoñecéronse nesas loitas. Xulia, mariscadora xubilada, explicou como antes da regulación da actividade chegaba xente de moitos sitios a mariscar sen control, e como o proceso de ordenación reduciu progresivamente o número de permisos desde as 600 persoas iniciais ata as 30 actuais, un número que permite que cada mariscadora saque un máximo de 25 kg por marea sen esgotar os bancos. Inés, presidenta actual da asociación, puxo sobre a mesa a crise que atravesan: os dous últimos anos, as choivas intensas e prolongadas deixaron a auga da ría tan doce que morreu practicamente todo o marisco. Este ano só traballaron dous días. Están á espera de que a análise de mostras permita á Xunta propoñer solucións.
Malia as dificultades, as mariscadoras mostraron tamén o seu compromiso co territorio e coa comunidade. Con fondos do Grupo de Acción Costeira construíron unha depuradora propia que lles permite subministrar berberecho aos locais da zona, aínda que iso supoña ceder parte dos 25 kg por marea que daban á empresa distribuidora, que paga mellor. Antes de despedirse, ensináronlle ás visitantes as ferramentas de traballo e pasearon xuntas pola contorna.
Unha visita completa
Ao longo desta semana, Esther e Maigra participaron en máis dunha decena de encontros en A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Vigo, Lalín e Bergantiños. Reuníronse con estudantado universitario da USC, con traballadoras do fogar organizadas en SINTRAHOCU e Acuidarth, con Mulleres Salgadas, con plataformas feministas como Azos Feministas, con responsables da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e participaron na manifestación do 8M en Lalín.
Mulleres Bravas de Honduras e Galicia volveu conseguir que as mulleres participantes leven consigo algo máis que recordos; levan redes tecidas con mulleres que, a miles de quilómetros de distancia, comparten a mesma co