O rexistro de creación de empresas medrou un 55% nos dous últimos anos
O IGE publica hoxe na súa páxina web os datos da Explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) correspondentes a xuño 2017. Un informe que repasa ademais a creación de empresas dos últimos 5 anos e medio concello a concello.
Así, dende 2012, nos 18 #ConcellosQPC (os das comarcas de Bergantiños, excepto A Laracha, Fisterra, Carnota-Muros, Terra de Soneira e Xallas), téñense creado 696 sociedades mercantís (xa sexan anónimas, limitadas ou doutro tipo).
Recuperación en 2016-2017
O informe deixa varias reflexións positivas, que incide en que a recuperación económica si parece notarse na creación de sociedades. Así, se o 2016 foi o mellor ano da serie con 162 sociedades creadas na bisbarra (polas 111 de 2012, 126 de 2013, 98 de 2014 e as 107 de 2015), o 2017 ten visos de superalo. Así no primeiro semestre de 2017 creáronse 92 empresas, o que suporía a final de ano unha hipotética cifra de 180.
Extrapolando estes datos, podemos concluír que a creación de empresas aumentou dende 2016 un 55% con respecto aos 4 anos anteriores (hai unha media de 110 empresas creadas entre 2012 e 2015), imaxinando que en 2017 se crearán 180 empresas.
Carballo-Santa Comba vs Carnota-Corcubión
Analizando o comportamento concello a concello, e como non podía ser doutro xeito, Carballo lidera en termos absolutos a creación de sociedades, con 265 creadas en 5 anos e medio, sendo o 2016 o ano máis prolífico, pero cuns datos do primeiro semestre de 2017 que invitan ao optimismo.
O 2º é Santa Comba, con 70 empresas creadas dende 2012, tamén destacando un repunte en 2016. Chaman a atención as cifras de Cee, o 3º concello en datos absolutos, pero que mantivo a creación de empresas durante 2013 e 2014, pero que o pasado 2016 sufríu unha baixada e este ano só se rexistrou unha nova empresa.
Gran movemento en Coristanco, cun espectacular repunte en 2016 con 14 empresas creadas polas 9 deste semestre. Ou en Vimianzo con 20 sociedades creadas nos últomos 18 meses, e así se comproba no movemento que hai no polígono, mentres outros como o da Ponte do Porto esmorecen valeiros.
Polo lado contrario, atopamos concellos onde as cifras son verdadeira desoladoras. En Corcubión, apenas 5 empresas foron creadas nos 5 anos e medio, só unha nos últimos 2 anos e medio, rexistrada o pasado mes de maio. Por Carnota, apenas unha decena de empresas foron creadas dende 2012, e ningunha este ano.
Cifras como as de Laxe ou Fisterra son verdadeiramente chamativas. Concellos turísticos coma estes, con gran movemento no sector da hostalería, é dificilmente comprensible que só rexistrasen 11 e 10 altas nos últimos 5 anos e medio.
En todo caso, son cifras que invitan ao optimismo, e que nos fan pensar que o final da crise xa se comeza a sentir na bisbarra.
Novas relacionadas
- Artigo de Louzán: Informe para evitar o desastre Económico-Financeiro da Costa da Morte.
- Xullo 2017: Xuño deixa 500 parados menos na Costa da Morte.
- O paro baixa en case 430 persoas en marzo
- O paro baixa en febreiro.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).