O Parlamento promete un pantalán para Cabana
Levou o BNG unha proposición ao Parlamento galego para a instalación dun embarcadoiro no esteiro do Anllóns. E arrincou o compromiso dos grupos políticos e da Xunta para que, a partir do un de xullo, o Goberno galego estude a proposta.
A idea será a instalación dun embarcadoiro no interior da ría de Corme e Laxe, no concello de Cabana de Bergantiños, algo que o BNG leva demandando por razóns de seguridade e para dar servizo ás máis de 30 embarcacións que fondean habitualmente nesta zona durante todo o ano.
O presidente de Portos de Galiza, José Antonio Álvarez vinculou o comezo do estudo e posibilidade da construción dun embarcadoiro á asunción por parte do Goberno galego da xestión do litoral, que será efectiva a partir do un de xullo.
Porén, o deputado Daniel Pérez, indicou que a Xunta e o Estado tiñan competencias compartidas durante todos este e que, se a Xunta non fai esta actuación, “entrará na contradición” de estar a potenciar o turismo náutico e facendo actuacións noutras partes de Galiza mentres en Cabanas non se fixo ningunha “Vemos que hai actuacións de melloras e dotacións orzamentarias, xa no ano de 2021, para a e pantaláns en zonas como en Corme, Fisterra, en Muros, en Corcubión, pero tamén para ampliación da escola de remo de Pontecesures ou Valga”, exemplificou.
Pérez subliñou tamén o papel do Club Náutico de Cabana de Bergantiños, situado a escasos 200 metros da rampla, que organiza actividades de remo e kayak de mar, así como cursos formativos especialmente na época estival. “A instalación dun pantalán facilitaría o acceso á auga das persoas socias e usuarias, evitando o tránsito de kayaks polo paseo marítimo e garantindo unhas condicións seguras para todas as embarcacións”, indicou.
A proposta do BNG aposta pola construción dun embarcadoiro nun dos dous puntos estratéxicos da contorna: a praia do Pendón ou o lugar dos Pazos, fronte á Escola de Vela, sempre “respectando os criterios de sostibilidade e compatibilidade co marisqueo”.