Relatos de Bergantiños: a inmortalidade do Dolmen de Dombate

O dolmen de Dombate, previo a súa investigación arqueolóxica e posterior musealización

Alborece en Borneiro, a luz entra no teu lar ao tempo que o gando comeza a demandar o almorzo. Ao mesmo tempo, os membros do teu clan conversan sobre o momento idóneo para a recolección dos cultivos, unha decisión imprescindible para a supervivencia dos teus. Saes da túa cabana e alí eríxese un dolmen de pequenas dimensións, onde segundo os anciáns da aldea levades enterrando aos mortos durante xeracións, pero pouco a pouco, a comunidade demanda un enterramento de maiores dimensións, posto que é incapaz de xestionar tanto volume de enterramentos. 

Lémbraste da asemblea de onte, o xefe e a druída decidiron construír un megálito máis impoñente, que sexa a envexa de todos os dolmenes das comunidades próximas e que demostre non só a unidade senón tamén o respecto da nosa tribo polos nosos devanceiros. E aí estás ti, picando laxas de pedra no alto do monte e baixándoas con rolos de madeira e cordas de tendóns de animais ata o poboado, seguro que no fondo pensas “prefiro ir cazar ou pescar” pero miras ao teu arredor: todos tirades ao unísono cara un mesmo obxectivo, honrar aos deuses para que vos protexan no alén, xa que todos, sen excepción, descansaredes no dolmen que estades por construír.

Síntese no aire o calor abafante da chegada do verán, pero coas grandes pedras xa dispostas, celebrades o comezo do estío cunha gran celebración: honrades aos deuses pola boa colleita, sacrificades o gando e bailades ao ritmo da música. Pola noite, os anciáns contan ao carón do lume as lendas dos viaxeiros do norte que viaxaron en barcos polo tenebroso mar e viñeron ata estas terras. Con eles trouxeron as ideas das “mesas de pedra”, que pronto convenceron ás poboacións dos arredores, pois lles pareceron atractivas. 

Finalizado o convite, quedas abraiado imaxinando o futuro dolmen, argallando como estes homes foron capaces de transmitir esa idea de despedirse dos seus seres queridos nun lugar tan afastado e nunha lingua tan diferente. Séntase contigo a druída, quen coidara de ti dende neno transmitíndote todo o seu saber; pregúntaslle se cando fósemos ao máis alá, as novas xeracións seguirían adorando este lugar ao igual ca nós, se recordarían os nosos nomes ou se destruirían por descoñecer os creadores, ela queda momentaneamente en silencio e responde cun sorriso “só o paso do tempo che responderá esa dúbida”.

Antes de construír o dolmen, a nosa mentora traslada ao xefe a idea de facer un longo corredor cuberto para representar o tránsito entre a vida e a morte. Ademais, explicaba que debíamos orientar a entrada cara á saída do sol o día do solsticio de inverno, desa forma “saberemos que cando a luz solar entrase na cámara, sería o momento de plantar os cultivos”. Ante a súa xenialidade, coméntolles que tamén poderíamos facer gabias ao seu arredor para evitar que os nosos mortos se podrecesen coa choiva, algo que foi moi ben recibido. Por último, os máis destros da aldea, farían pinturas e gravados para que cando alguén cun facho entrase, as cores vermellas, brancas e negras transmitíranlle a suntuosidade do dolmen. Eu anímome a facer unha espectacular balea que vin o outro día na ría, pero como o meu é a agricultura, parece máis un machado ou unha xerra de cervexa, aínda quen os vexa seguro que comprende a miña mensaxe.

Poñemos os pilares na terra nuns ocos cunha panca, cada un deles obrigou a cincuenta homes a usar a súa forza para traelos e alzalos; despois, facemos un pequeno montículo e colocamos a cuberta, que é a pedra máis complicada e pesada de todas; finalmente, o dolmen complétase recubríndoo de terra ata só ver a cámara e a cuberta do corredor e recubríndoo de pedras nunha coiraza que se vexa a unha gran distancia: o traballo foi arduo pero, sen dúbida, pervivirá ao paso das estacións e cando eu morra quen o vexa marabillarase como o facemos nós. 

Sen decatarnos, o frío chegou antes de tempo á nosa aldea. Ninguén se imaxinaba que aos poucos días atoparíamos á nosa querida druída afogada nun regato próximo. Moitas foron as hipóteses que se barallaron pero unha prevaleceu entre as demais: a historia dunha muller que, se a atopabas no bosque, propoñíache un desafío, se non o cumprías ou o rexeitabas, acababa coa túa vida da peor maneira. Os rapaces da aldea, ao escoitar a historia, tapaban as orellas e dicían que nunca pisarían ese salvaxe bosque. 

Polas circunstancias da repentina morte, fun eu quen entre bágoas tiven que oficiar o enterro, cubrindo o grácil corpo cunha tea e facéndolle as pertinentes ofrendas que ela me ensinara. Os homes e as mulleres entoaron os cantos fúnebres e foi depositada de primeira no mesmo dolmen que ela mesma suxerira facer este verán. Unha vez máis, procurando que a xente lembrara a gran persoa que era, fixen unha escultura que se parecese a ela, pero máis que unha muller parece un instrumento de corda que están a tocar na cerimonia. O resto de figuras representan as nosas deusas ou aos nosos guerreiros, para que a protexan do espírito que decidiu acabar con ela.

Cheo de rabia pola súa morte, era incapaz de conciliar o sono, cando de súpeto a voz da druída chama por min e pídeme que vaia ata o dolmen. Alí está ela, sentada no mesmo lugar que no verán, rapidamente procuro abrazala, pero os meus brazos escorren na débil silueta dela. Comeza a contar a historia de como os meus pais, ante a miña febreza infantil, pedíronlle a deusa que habita nos montes de Borneiro que darían a súa vida pola miña recuperación, nese sobrenatural contrato, a encargada de coidarme sería ela. Aínda conmocionado, pregúntolle a causa da súa morte, ela inerte respóndeme mirando aos ollos: “recordas que o teu desexo era que o dolmen sobrevivise ao paso das estacións, pois digamos que gracias a min farase realidade, aínda que xa imaxinas a que costo...”

Nese momento, a culpa e a incredulidade impedíanme ollar a gargallada pícara que comezaba a soltar a miña mestra, como aquela vez de pequeno na que me escornara un cordeiro: “o que non sabía a deusa... era que xa pouco me quedaba de vida”. Eu aínda recuperándome non fun capaz de seguirlle a risada, incluso na ultratumba seguía mantendo a súa retranca. Co sol xa asomando por Borneiro, a tebra foise esvaecendo, as últimas verbas foron: “coida o legado dos devanceiros para que as novas xeracións coiden de ti”; e desapareceu entre a néboa e o resío.

 

O meu nome é Hadrián Félix e xunto a Iria, somos os guías turísticos do recinto arqueolóxico do Dolmen de Dombate, creado co obxectivo de coidar o soño do noso protagonista. A historia do noso protagonista ocorréuseme no cavilar das nosas xornadas, somerxéndome dentro da pel dos habitantes neolíticos de Dombate, hai 6.000 anos (3.700 a.C.). Todos os elementos do relato están inspirados na información que os guías nos dedicamos a divulgar nas nosas visitas guiadas. Para coñecer máis, estaremos á vosa disposición todos os días do mes de xullo e agosto, entre as 11:00-13:30h da mañá e as 16:00-19:30h da tarde. Polo tanto, convidámosvos a calquera que desexe venerar o sacrificio da nosa querida druída a vir ata aquí, onde seguiremos divulgando parte esencial do noso pasado. Facer mención aos de seguridade Nicolás e Álvaro, que se encargan tamén de que todo vaia sobre rodas, como os troncos para mover as pedras.

  • Hadrián Félix Neira Varela. Despois de cursar o grao de Historia na Universidade de Santiago de Compostela, e como apaixoado da historia en xeral, gústame estudar sobre todo a historia local da contorna bergantiña, o meu TFG: "Os “mercaderes da sardiña" cataláns no porto de Corme (Ponteceso)" así o demostra. Encántame divulgar entre adolescentes e nenos: traballo como guía no Dolmen de Dombate, un traballo reconfortante e útil no meu obxectivo de ser profesor de secundaria. Moitos me coñecerán como Neira, ese é o apodo que recibo cando xogo na Liga da Costa no Ponteceso S.D.