A "Revolta Galega" do CPI As Revoltas recibe un dos Premios Mil Primaveras

Gravando o programa "Revolta Galega" do CPI As Revoltas con Teresa dos Cucos

Os premios Mil Primaveras, lanzados dende a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) para  promover valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a promoción da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio, teñen gañadores na súa 7ª edición.

E un deles é costeiro. O programa "Revolta Galega", desenvolto dende a viva Biblioteca do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, é un dos 4 proxectos recoñecidos. Este programa traballa a dinamización lingüística no centro educativo de forma planificada e sostida no tempo, buscando o mantemento e o reforzo da lingua e a mellora do seu prestixio.
O xurado valorou que é un modelo integral de dinamización para todo centro e en diferentes ámbitos (expresión oral e escrita, creación de contidos, relación coas familias ou tradicións), que axuda a afianzar a lingua e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural. É tamén un modelo de traballo replicable e adaptable a outros centros educativos.
 

#ODeporédaCoruña

O xurado tamén recoñeceu outros 3 proxectos:

A iniciativa #ODéporédaCoruña, unha campaña da mocidade do IES Rafael Dieste da Coruña, que forma parte do proxecto normalizador do centro herculino #Aquítaménsefala, , xa premiada o ano pasado, que vén de conseguir a galeguización do nome do club.

 Ademais, tamén foron recoñecidos "As chaves da lingua" (un proxecto didáctico e divulgativo para mellorar a calidade lingüística), e "Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura" (unha iniciativa dirixida á adolescencia para crear un espazo de lecer en galego),

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na difusión dos proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a divulgalos, os proxectos premiados están xa dispoñibles para a súa consulta detallada no web milprimaveras.gal. A CTNL organizará ademais un acto público de entrega de premios, que terá lugar en Pontevedra no mes de xuño.