O tecido asociativo de Cabana celebrou as Letras Galegas

O auditorio de Cabana de Bergantiños acolleu unha emotiva celebración do Día das Letras Galegas. Concello, tecido asociativo e veciñanza celebrou a lingua e a cultura galegas a través da música, a literatura e o teatro, con Begoña Caamaño, autora homenaxeada na efeméride este ano, como pano de fondo.

No apartado musical participaron a Coral de Cesullas, as Cantareiras de Anos, Son de Cabana, a Coral de San Martín de Canduas e Barreiros&Mato, ofrecendo distintas actuacións que puxeron en valor a tradición musical galega e o labor cultural desenvolvido polas asociacións do municipio.

A literatura tamén ocupou un lugar destacado no acto, cun recital de Matilde Vilariño e con lecturas da Asociación Íntegro, a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro e Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro.

A programación completouse coa representación da obra ‘O Rei que non sabía reciclar’, a cargo da Escola Municipal de Teatro, que esta tarde celebrará tamén a súa clausura deste curso. O acto rematou coa interpretación do himno galego e cunha degustación de doces tradicionais cabaneses.