Os usuarios de Íntegro gozan da maxia da Biblioteca

Un grupo de persoas usuarias da Asociación Íntegro realizaron esta semana unha visita á biblioteca municipal de Coristanco, que se convertiu nun espazo inclusión e aprendizaxe. Foi no marco do programa de fomento da lectura dirixido a persoas adultas con discapacidade intelectual da entidade cabanesa.

A actividade conta coa participación dun grupo reducido formado por seis persoas usuarias e unha monitora. En cada sesión, as persoas participantes escollen de forma autónoma os libros do seu interese, realizan unha lectura compartida e levan a cabo posteriormente unha actividade de comprensión lectora.

O programa ten como principais obxectivos fomentar o hábito da lectura, mellorar a vocalización, reforzar a comprensión lectora e promover a participación activa das persoas con discapacidade en espazos culturais normalizados, como son as bibliotecas públicas.