Os usuarios de Íntegro independízanse

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; o alcalde de Cabana, José Muíño e un dos vogais da Xunta Directiva, David Pombo nas casas dos mestres
  • Íntegro e o Concello de Cabana asinan un convenio para a posta en marcha dunha experiencia piloto de vida independente para persoas con discapacidade

Revolucionaria iniciativa a que vén de poñer en marcha Íntegro, neste caso coa colaboración do Concello de Cabana. Ambas entidades asinaron un covenio para a cesión de uso temporal de dúas vivendas sociais, que serán destinadas a promover a inclusión e autonomía persoal de persoas con diversidade funcional.

A través da posta en marcha do proxecto “Experiencia piloto Vida Independente”, a entidade que preside Adolfo López Baña desenvolverá, ao longo do segundo semestre de 2024, unha iniciativa pioneira e experimental que proporcione as claves necesarias para a futura xestión de novos programas de vivenda con apoio.


Cada un dos apartamentos, situados nas antigas casas dos profesores xunto ao CPI As Revoltas, conta con cociña, salón-comedor, baño con ducha e tres habitacións totalmente equipadas para habitar. Ademais, todos os espazos son accesibles e están adaptados para persoas con mobilidade reducida.

De cara a lograr unha inclusión plena e integral, todas as persoas que participen nesta experiencia piloto recibirán os coñecementos e ferramentas necesarias para o desenvolvemento da súa autonomía e habilidades básicas, ao tempo que se fomentará o ocio e a utilización dos propios recursos da contorna para favorecer a economía local.