Volve a Andaina Solidaria de Íntegro con deporte, solidariedade e moita diversión

A asociación Íntegro pon en marcha a segunda edición da andaina solidaria Por un millón de pasos, unha iniciativa que busca fomentar hábitos saudables, inclusión e solidariedade a través do deporte e o lecer.

O evento, que terá lugar o sábado 26 de abril, foi presentado esta mañá nun acto ao que asistiu o presidente da entidade Adolfo López Baña, acompañado de varios directivos e persoas usuarias; o alcalde de Cabana José Muíño e o edil Carlos Allo, así como o responsable do Concello de Ponteceso José Manuel Mato, que tamén colaboran no desenvolvemento da actividade.

Durante a xornada, ademais de gozar das incribles visitas que ofrece esta ruta a pé, cun percorrido totalmente accesible que partirá da Praza do Recheo de Ponteceso ás 16:30 horas e rematará na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, os e as participantes poderán gozar dun paseo en tren turístico, animación e moitas outras sorpresas nas que xa se están a traballar desde a organización.

As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través desta ligazón cun prezo de 3€ para nenos e nenas de 0 a 12 anos, mentres que para adultos (+13 anos) será de 5€. Ademais, aquelas persoas que non participaron na primeira edición e aínda non teñan a camiseta conmemorativa do evento, poderán adquirila por tan só 5€.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono 981 734 985, o móbil 650 961 649 ou o correo electrónico info@integro.es.