A Xunta asina coas mariscadoras do Anllóns a compensación polas riadas o inverno

A Conselleira María Villaverde coa presidenta das mariscadoras do Anllóns, Inés García
  • O acordo garante a compensación de menos de 700 euros ao mes para as profesionais que participan activamente nas tarefas de coidado e rexeneración do medio

A Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns asinou coa Consellería de Mar o convenio de colaboración bilateral para impulsar a rexeneración dos seus bancos marisqueiros afectados polas intensas choivas e borrascas de comezos de ano. Este acordo enmárcase dentro do plan extraordinario de continxencia activado polo Goberno galego para paliar a mortalidade de bivalvos provocada polas sucesivas riadas que causaron a baixada dos niveis de salinidade no litoral este inverno.

O acordo, cofinanciado a través del Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), conta cun orzamento total de 60.254,80 euros, e recolle actuacións sobre unha superficie de 118.254 m2, distribuídos especificamente entre as zonas produtivas da marxe dereita da enseada do Río Anllóns (delimitada entre a illa Cagalóns, a liña de Punta Revoltas e a enseada de Insua) e os bancos de libre marisqueo situados no propio Esteiro de Anllóns, na marxe esquerda.  

A programación dos traballos estruturarase a través dunha participación progresiva do colectivo de a pé, mobilizando dende un inicio a cinco profesionais ata acadar un teito de 11 mariscadoras en activo. As quendas desenvolveranse en xornadas de catro horas, garantindo unha alternativa económica e un escudo social para as traballadoras mentres se restaura o potencial produtivo das praias. 

O catálogo de actuacións inclúe a remoción manual e mecánica do substrato compactado para airear o sedimento, a retirada sistemática de lixo mariño e macroalgas de arribazón, a realización de vixilancias preventivas e a colaboración directa nas mostraxes científicas de seguimento. Así mesmo, executaranse rareos e traslados de exemplares de berberecho e ameixa xaponesa dende o banco do Couto cara ao de Petrallo para optimizar a súa supervivencia e taxas de crecemento. 

O control biolóxico focalizarase na redución da presenza do cangrexo común (Carcinus maenas) mediante o calado de dúas caceas de ata 20 nasas nas canles de Ourixeira e O Pendón. Como acción complementaria, a agrupación redactará un proxecto técnico especializado que servirá de guía para mellorar a xestión integral e a sustentabilidade biolóxica do río.