3.250 quilos de xurelo incautados no porto de Camariñas

Novo operativo contra o furtivismo do propio sector do mar da comarca, provocado polas escasas cotas. O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña incautouse de 3.250 quilos de xurelo no porto de Camariñas. Os axentes observaron a dous pesqueiros descargando as capturas no porto sen avisar previamente á descarga, polo que procederon ao seu control, comprobando que a primeira das embarcacións presentaba un exceso de capturas de 497 quilogramos e a segunda de 1.508 quilogramos, atopando tamén, abandonadas no cantil, as capturas doutra embarcación que non se puido identificar. un total de 1.245 quilos.

A Garda Civil procedeu ao comiso das capturas atopadas no cantil, así como do exceso de capturas descargadas de ambos os buques, permitindo a comercialización da cota correspondente e a elaboración dos informes de denuncia pertinentes por presuntas infraccións da Lei 11/2008 de pesca de Galicia por non realizar a notificación previa á descarga, por exceso de capturas e por superar o 10% máximo permitido.
As capturas incautadas foron entregadas ao Banco de Alimentos Rías Altas.