Imaxe do curso de Rexiduria de Pisos é Lavandería que se impartiu no mesmo local
Despois de máis de 2 meses de curso preparatorio (presencial e a distancia), organizado desde o Programa Integrado de Emprego no que están os concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas, 35 das participantes examinaranse este sábado das competencias clave. As probas realízanse para xente de toda Galicia en Silleda, polo que un autobús sairá da praza do concello de Vimianzo ás 06:45 horas da mañá do sábado para que as participantes do PIE asistan a ditos exames.
As competencias clave están pensadas como un acceso a ciclos formativos para os cales, as persoas sen titulación na ESO, non poderían entrar. Actualmente a formación profesional é unha vía importante de cara a inserción laboral, polo que ter acceso a unha destas titulacións resulta importante de cara ao obxectivo principal do programa de emprego (que as participantes atopen traballo), a curto ou medio prazo.
Máis cursos
Por outra banda, está tamén en marcha desde hai 3 semanas un curso de hostalaría integral, ao cal están asistindo 10 persoas do PIE. Esta formación está orientada a que estas mulleres adquiran as destrezas básicas de varios tipos de traballo na hostalaría, como son: Camareira de bar e banquetes, camareira de pisos e traballo integral en casas rurais, hostais e hoteis. Cara ao final do curso realizaranse prácticas en empresas hostaleiras da zona, para desta maneira ter unha percepción vivencial do antes visto nas clases teorico-prácticas, prevendo o remate para o 30 de maio.
Segue ademais, desde o mes de marzo, o curso de informática administrativa, que ten previsto o seu remate para finais de maio e no que están participando 10 mulleres do programa. Por outra parte, vanse realizar outros obradoiros, xornadas e cursos (atención sociosanitaria, habilidades sociais, busca activa de emprego, motivación laboral, etc.) de cara aos seguintes meses, con datas aínda sen confirmar, e estase facendo un traballo de prospección de empresas que está tendo unha boa resposta por parte de empresarias e empresarios. Grazas a isto, estanse xestionando múltiplas ofertas de emprego.
Inserción laboral
Ata o momento, acadáronse 24 insercións laborais, das cales 21 xa cumpren o obxectivo establecido de 3 meses traballados dentro dos 12 de duración do PIE. Espérase que grazas a tódalas accións que se están facendo, este número acade canto menos o obxectivo marcado inicialmente de 30.