4 Teams 4 Dreams recada na Ponte do Porto 2.000 euros para a Cociña Económica

Un dos principais restaurantes da comarca de Soneira, La Tavernetta da Ponte, acolleu na noite do domingo no seu local de Ponte do Porto un evento gastronómico solidario, "4 Teams 4 Dreams", no que participaron catro mestres cociñeiros e dous sumilleres profesionais. O evento organizado polo restaurante porteño e o club de gastronomía e viño Vía Céltica recadou algo máis de dous mil euros, a maioría doado este martes á centenaria Cociña Económica da Coruña.

A idea era crear unha experiencia enogastronómica con catro chefs locais de coñecidos restaurantes, para un número limitado de persoas que completasen a oferta publicada en liña nunha hora. 34 comensais tiveron a sorte de ver aos cociñeiros en acción: Sabrina Selva de La Tavernetta, Moncho Méndez de Millo Orzán, Ángel Carril de Hunico Hilton Coruña, Javier Lado de Mar e Terra do Ézaro. E os sumilleres José María Fernández de Ponte do Porto e César Calvo de Santa Comba.

No gran comedor con vistas á ría servíronse nove pratos e sobremesa, con dez viños diferentes para maridar con cada prato e unha explicación previa de cada oferta por parte dos creadores. Os primeiros consistían en: ensalada de tomate cherry con aceite e albahaca en po; tosta de teriyaki de atún vermello con sésamo, trufa branca sobre unha base de crema de albahaca; milhojas de pataca con solombo tartar; Croquetas de Cheetos. Para os segundos pratos ofrecéronse: abadexo á galega a baixa cocción con escuma de pataca na súa salsa; carbonara de alcachofa; papardelle de callos picante; casarecce con sete tipos de cogomelos, trufa branca e embutidos. Completando o menú cun tiramisú.

Os comensais foron recibidos cunha espectacular mesa de pinchos variados, simulando un campo de herba con sarmentos, follas de vide e limóns. Os pratos foron acompañados dun Riesling e un Pinot Noir, ademais de variedades españolas de viño branco, tinto e espumoso das seguintes adegas: Odriosela, Juvé y Camps, María Manuela, La Bandida, Les Cotilles e Carraovejas.

  • Crónica de Rafael Lema.